Vargas Llosa, amo do «boom»

CULTURA

26 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Foron pasando os anos e o boom narrativo latinoamericano foi perdendo as súas figuras máximas, que encabezou o colombiano Gabriel García Márquez coa súa gran novela titulada Cen anos de soidade, publicada en 1967. García Márquez, nacido en 1927, finou en Cidade de México no 2014, e foi tras a súa morte cando as filas literarias do boom comezaron a reordenarse, cun Mario Vargas Llosa peruano que parecía moi desexoso de tomar o relevo. Quizais por isto ten sentido escoitar a súa reinterpretación.

García Márquez e Vargas Llosa tiveron dalgún xeito un pai literario común: o norteamericano William Faulkner, que influíu moi directamente nas súas narrativas. Pero logo foi a conciencia de América Latina coma unha unidade de destino no universal o que guiou os seus camiños literarios. E moi axiña tomaron conciencia de pertencer a un boom narrativo destinado a reivindicar a comunidade latinoamericana en xeral. Algo que, dalgún xeito, asumiron todos, coa excepción quizais do gran Borges.

A Cuba de Fidel Castro foi unha referencia común, pero non compartida. Viviron con entusiasmo inicial o triunfo dos «barbudos», pero non tardaron en comezar a desencantarse do mito dunha revolución que non acababa de xerar benestar colectivo. Alejo Carpentier xa se distanciara pola vía do «real marabilloso» que tanto fascinaba ao noso Álvaro Cunqueiro, quen xa discutira en Barcelona cun Gabriel García Márquez de antepasados galegos. É dicir, compartiran comidas pero non ideas narrativas.

A día de hoxe Vargas Llosa cre que «hai máis razóns para o optimismo que para o pesimismo agora que se superou o de antes. O bo camiño está en que as solucións non estean nos cuarteis». Un pensamento compartido pola maior parte dos escritores latinoamericanos do boom, desde o indisciplinado Borges ata Juan Rulfo, Octavio Paz ou Julio Cortazar. Por outra parte, Vargas Llosa ten logrado o seu obxectivo de codearse con García Márquez, como ben acredita o Premio Nobel de Literatura que lle entregaron o ano 2010. E recibiu tamén o Premio Cervantes (1994) e o Príncipe de Asturias das Letras (1986), sendo así o máis premiado de todos os latinoamericanos. Xustamente.