Unha obra de Antón Pulido súmase á Insua dos Poetas, espazo de natureza que é tamén un museo ao aire libre

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Inauguración da peza de Antón Pulido na Insua dos Poetas.
Inauguración dá peza de Antón Puído na Insua dous Poetas.

«Kermesse para Arcadio» lembrará no lugar de A Esgueva ao poeta, profesor e investigador Arcadio López Casanova

08 novs 2023 . Actualizado ás 22:23 h.

A Insua dos Poetas do Carballiño mantén a tradición de celebrar no verán o acto central do que é o seu calendario de actividades: a Festa da Palabra, na que se entregan os premios da fundación que leva o nome do lugar e, como cerna da convocatoria, faise unha homenaxe a un escritor ou movemento literario. En ocasións a proxectos doutra índole, como no caso da lembranza da revista Nós co gallo do centenario do seu primeiro número. Unha iniciativa, a que se desenvolve en xullo, que leva sempre vencellada unha proposta artística, coa descuberta dunha peza que fai referencia ao escritor, corrente literaria ou proxecto honrados.

Desta volta a faceta artística demorouse uns meses e este mércores a Insua dos Poetas acolleu a inauguración da peza: a obra de Antón Pulido que lembrará no lugar de A Esgueva ao poeta, profesor e investigador Arcadio López Casanova. No acto no que se deu a coñecer a composición do artista de Amoeiro, co vidro policromado como protagonista central da montaxe, participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Antón Pulido; o concelleiro de cultura do Carballiño, Diego Fernández; e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.

«A Deputación debe poñer en valor a nosa cultura, así como o legado que nos deixaron ourensáns ilustres que co seu traballo e compromiso coa terra contribuíron a facer de Ourense o que hoxe é», sinalou Menor. Na súa intervención, Valentín García incidiu na singularidade da Insua dos Poetas: «É un lugar único en Galicia que logra mesturar a contorna natural coa cultura», sinalou.

Tosar lembrou que Kermesse para Arcadio —así se chama a peza de Pulido— xa pasou a integrar un espazo que rende tributo a figuras ilustres como Rosalía, Curros, Xela Arias, Castelao, Blanco Amor e Risco, entre outros, e onde xa se poden ver obras de case que trinta artistas. Neste recanto de natureza e arte da parroquia carballiñesa de Madarnás hai esculturas e murais de, entre outros, Buciños, Acisclo Manzano, Xosé Cid, Manuel Penín, Acisclo Novo, Mon Devane, Diego As e Lidia Cacho.

Cita con Ferrín no 2024

Durante o acto de inauguración da peza de Pulido o presidente da Fundación Insua dos Poetas anunciou que Xosé Luis Méndez Ferrín será o escritor homenaxeado na Festa da Palabra 2024. A Insua honrará en xullo ao «máis representativo valor da literatura galega contemporánea», enxalzou Tosar.