O Consello da Cultura Galega cumpre corenta anos e renova o seu compromiso con Galicia

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

CULTURA

O acto do 40.º aniversario do Consello contou con numerosos representantes públicos e da cultura galega.
Ou acto do 40.º aniversario do Consello contou con numerosos representantes públicos e dá cultura galega. Paco Rodríguez

A súa presidenta, Rosario Álvarez, demanda máis gasto público e un pacto para o patrimonio

07 jul 2023 . Actualizado ás 21:19 h.

Era un venres de 1983 con chuvias febles cando o Parlamento aprobou a Lei do Consello da Cultura Galega (CCG). Nese intre unha nena de sete anos camiñaba da man dos seus pais. Esa nena era Rosa Aneiros, membro desta institución, e aínda tardaría tempo en darse conta da importancia deste feito. Este venres conduciu o acto oficial do corenta aniversario do Consello. Un acto cheo de persoeiros ata o punto de que tanto o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como o responsable do Goberno galego, Alfonso Rueda, abreviaron a súa presentación de autoridades cun «dense por saudados».

Moito cambiou esta institución estatutaria en corenta anos, como moito cambiou Galicia. A esa evolución se referiu a súa presidenta, Rosario Álvarez, catro décadas nas que o consello foi «en progresión continua, sen crises notables». Ampliouse a súa estrutura e a súa composición, e chegaron tamén as mulleres. Analizando esta incorporación feminina decatouse Rosario de que ela mesma foi a primeira, en 1985, sumándose a unha comisión. Tamén foi a primeira presidenta dos cinco que ocuparon ata agora o cargo: Ramón Piñeiro (1983-90), Xosé Filgueira Valverde (1990-96), Carlos Casares (1996-2002), Alfonso Zulueta de Haz (2002-06) e Ramón Villares (2006-18), presente no acto e o único dos expresidentes vivo. Tardaron en entrar, apuntou Álvarez, pero agora das 187 persoas vencelladas coa institución, 94 son mulleres.

Rematou a presidenta renovando o compromiso do Consello coa defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, porque «a cultura é o alicerce da nosa identidade e o valor diferencial de Galicia neste presente que tende á globalización». Non sós, «convidámosvos a camiñar connosco, sempre e máis alá», dixo. Fixo tamén un relato das tarefas pendentes: cómpre unha reflexión e un pacto arredor do patrimonio, a elaboración dun plan patrimonial para Galicia, a creación dun observatorio de patrimonio cultural ou a posta en marcha dun museo das migracións galegas «de estrita xustiza para tantos emigrantes e viúvas e orfos de vivos». Tamén reiterou a petición feita no 2018 de incrementar o gasto público ata o 1,5 % no 2028.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recolleu a luva que a presidenta do Consello mandou «con exquisita educación institucional pero con contundencia». Tamén lembrou que «sen a nosa cultura a autonomía sería un proxecto máis feble» porque a cultura fixo Galicia e Galicia fixo a cultura. O Goberno galego márcase así mesmo seis obxectivos: seguir mellorando o acceso á cultura e a promoción da lingua galega, apoiar o desenvolvemento das industrias culturais, mellorar as infraestruturas culturais, promover creatividade, incentivar a formación dos profesionais e actualizar os marcos normativos.

Antes da intervención de Rueda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, lembrou as primeiras leis derivadas do Estatuto de Autonomía. «Os lexisladores tiveron templanza para tramitar as leis con máis carga simbólica, como a de normalización lingüística, a de recoñecemento da galeguidade ou a de creación do Consello da Cultura Galega», apuntou, lei que este 8 de xullo está de venturoso aniversario.