«Flash»: O tomate de Maribel e o multiverso

miguel anxo fernández

CULTURA

«Flash».
«Flash».

A pesar de as crecentes dificultades de acadar a orixinalidade no xénero de superheroes, o filme protagonizado por Ezra Miller resulta simpático

02 jul 2023 . Actualizado á 21:49 h.

Partamos de que o do multiverso no filón superheroes comeza a ser unha carraca cara ao insoportable, a non ser que sexas un fan-fan e todo o que se filme parézache a cana… de España, aínda que sexa o pau dunha escoba. O arxentino Andy Muschetti entrou con moi ben pé en Hollywood coa súa versión de It (2017), a novela de Stephen King. Confirmou a súa habilidade para un entertainment cun toque singular, o mesmo que agora achega en Flash, personaxe da DC Cómics que, sen chegar á altura nin á popularidade de Supermán ou Batman, sitúase na zona media compartida por Shazam! e Catwoman, aínda que sen chegar ás resultonas adaptacións da liga da Xustiza, O escuadrón suicida e incluso Wonder Woman e Aquaman. O do tipo que viaxa no tempo a unha velocidade ultrasónica, axústase ao canon e Flash dá o que agarda. Obsesionado por emendar un erro que leva ao seu pai ao cárcere, retrocederá uns anos para solucionalo, aínda que ignorando iso de que, se removes o pasado, o futuro tamén.

E aquí entra en cadro a nosa Maribel Verdú como a nai de Flash, un tipo entre apampado e con limitado factor xenético, que só se vén arriba cando pensa nos seus pais. Súmese o tema multiverso e a aparición de Michael Batman Keaton, agora bastante cascado, pero con ganas de arranxar as cousas (a breve aparición de George Batman Clooney é un momento top). Outro tanto con Ben Supermán Affleck nun rexistro parecido, aínda que limitado en protagonismo. O resto da trama mellor obviala para evitar spoiler, pero en favor de Flash haberá que sumar o seu cáustico sentido do humor e a súa honestidade ao brindarse como outra de superheroes, si, pero con habilidoso recurso ao uso dos saltos temporais, enxeñosos xiros de argumento (aínda que requiran moita concentración en profanos), unha sutil referencia á nostalxia e a entrega de Ezra Miller, no seu salto ao protagonismo absoluto. Todo o vinculado a el coa súa nai, e a importancia dun bote de tomate para a resolución da trama, fai que leste o filme resulte simpático, que non é pouco.

«FLASH»

EE.UU.-Canadá- Australia-Nova Zelandia, 2023.

Director: Andy Muschetti.

Intérpretes: Ezra Miller, Michael Keaton, Sasha Rúa, Michael Shannon. Kiersey Clemmons, Maribel Verdú.

Ciencia ficción.

144 minutos.