Miguel-Anxo Murado: «O xornal é o medio natural para o columnismo literario»

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

El escritor y periodista Miguel-Anxo Murado.
O escritor e xornalista Miguel-Anxo Murado. Juan Lázaro

Un libro reúne unha selección dos seus artigos na contraportada de La Voz

15 jun 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Xornalismo e literatura son dous constantes na biografía de Miguel-Anxo Murado (Lugo, 1965), unha viaxe de ida e volta que se concreta na súa singular forma de ver o mundo e escribir sobre el. Un bo exemplo son as súas columnas na contraportada de La Voz de Galicia, que agora o xornal reúne nun libro, Os trens nocturnos e outras voltas de folla. O volume poderase conseguir co xornal este domingo 18 por 3,95 euros máis o cupón no lombo do diario.

—Na introdución do libro subliña a versatilidade que permite un formato como é a columna literaria. A que atribúe esa adaptabilidade do artigo en prensa xa non aos temas, senón tamén á forma de expresalos?

—Paradoxalmente, creo que é polo delimitado que está o xénero en canto a espazo e periodicidade. Isto obriga a ofrecer algo distinto todas as semanas e a idear o xeito de contalo en seiscentas deces palabras. E logo tamén pola súa humildade. O artigo literario non ten grandes pretensións, non se escribe para a posteridade. Iso libera ao escritor da súa propia vaidade e permítelle tratar un asunto nimio ou facer un experimento.

—Recoñece tamén a súa comodidade co formato, que dalgunha forma remite aos seus «Escritos en cafeterías», onde seguramente moitos dos lectores de La Voz gozan as súas columnas...

—Eses artigos realmente escribíaos en cafeterías, a miúdo en panos de mesa de papel, o que tamén di algo deste formato, que ten moito de inspiración do momento, de anotación na marxe. E tamén me parece que esa é o xeito ideal de gozar dunha columna: almorzando nunha cafetería antes de ir traballar.

—Esa circunstancia pon de relevo tamén outra condición dos xornais, que a través dun acto individual como é a lectura tamén se crea unha conciencia social ou colectiva.

—Si, eu son moi de xornal. Mesmo agora, coa competición tan dura que ten por parte doutros medios, segue sendo algo especial, e refírome ao xornal en papel. É un obxecto, cousa que non son os demais medios. Compralo nun quiosco é como facer unha visita a alguén. Estar subscrito é como recibir unha carta cada día. Lelo nunha cafetería, pasándoo dunha persoa a outra, é un xesto civilizado que sempre me gustou.

—Na introdución tamén se explicita a vocación da sección por recuperar o columnismo literario, menos presente agora que noutras épocas...

—Si, de feito, algúns confúndeno co artigo de opinión e agardan que conteña xuízos sobre a política ou a sociedade. Pero o columnismo literario non ten esa función, senón a contraria: facerse preguntas, suspender o xuízo, observar o que hai detrás da realidade cotiá. Non é que o xénero teña desaparecido do todo. Aínda existe, aínda que non está no seu mellor momento. Talvez o que pasou é que primeiro se independizou no blogue, e logo o blogue entrou inmediatamente en crise. Non sei, pero o feito é que o xornal, sobre todo en papel, é o seu medio natural: pola extensión, pola lectura lenta…

—Que criterios seguiu para a selección dos textos? E para elixir o que lle dá título?

—Elixín os que máis me gustaban, sen máis. Darlles o título da sección non tiña sentido, porque a sección segue, así que lle puxen o título dun dos artigos que, de xeito metafórica, reflicte o sentido do libro, porque as columnas de prensa son tamén como trens nocturnos: pasan rápido coas súas luces e logo, a intervalos regulares, volven pasar.

—Manexa moi ben as conexións aparentemente inesperadas pero moi reveladoras: por exemplo, o frío que chega de 1938. Como establece esas conexións?

—Escribindo ficción, un ten a vantaxe de poder imaxinarse todo o que escribe e a desvantaxe de ter que facelo. No artigo literario, en cambio, un ten que buscar que pode haber de revelador, de cómico ou de poético no que en aparencia é normal e cotián. Se resulta que nun día moi frío dásche conta de que é o aniversario da xélida batalla de Teruel, ese frío xa che escribe o artigo, como no caso que mencionas.

—Tamén hai personaxes sorprendentes: o xeneral Vernon Walters, axente da CIA galegofalante...

—Si, foi subdirector da CIA, mesmo. Un personaxe pintoresco. Hai moitos outros, algúns famosos e outros non tanto; xente que coñecín, como nese caso, ou non. Sempre me gustou o xénero da biografía breve, o retrato, incluso o obituario. Gústame porque a vida dunha persoa é a historia con maiúsculas pero a escala humana, hai algo profundo e á vez un tanto melancólico en resumila en tres ou catro parágrafos.

—Para rematar, os seus artigos xa parecen inseparables das ilustracións de Ed. Como ve as súas aproximacións gráficas á súa forma de escribir e os temas que elixe?

—É todo un luxo contar con Ed. Non só é un magnífico ilustrador, un dos mellores que hai agora mesmo en España, senón que ademais el tamén conta historias. De feito, máis que ilustrar os textos o que fai é comentalos, subliñar algunhas imaxes. É unha especie de conversación entre el e eu, e iso que nunca nos vimos en persoa.