A fotografía instantánea de Polaroid, ao servizo da arte durante 80 anos

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL MIRAMONTES

A Fundación Barrié da Coruña acolle unha mostra sobre o proxecto de Herbert Land, que expandiu creativamente as posibilidades da súa revolucionaria máquina de fotos

10 mar 2023 . Actualizado á 19:30 h.

Corrían os anos corenta cando Edwin Herbert Land tomou unha fotografía diante da súa filla de oito. Ela, impaciente, preguntoulle por que non a podía ver no momento e tiña que agardar ao revelado. Esa interrogación cargada de inocente desexo empurrouno a materializar o imposible. Despois de investigar todas as posibilidades, en 1948 lanzou a primeira cámara Polaroid. Empezaba así todo un fenómeno social e cultural. Lembrábao Barbara Hitchcock, curadora e exdirectora de Asuntos Culturais de Polaroid Corporation, na inauguración de «Proxecto Polaroid. Na intersección da arte e a tecnoloxía». É a exposición que se pode visitar na Fundación Barrié, na Coruña, ata o 9 de xullo.

MIGUEL MIRAMONTES

A mostra céntrase na rama artística promovida polo fundador da marca. Tal e como explicou Todd Brandow, director de Foundation for the Exhibition of Photography, máis aló do comercial, Herbert Land propiciou unha dimensión creativa para as súas cámaras: «Creou o Proxecto Polaroid de apoio a artistas, deixándolles usar o material para que puidesen experimentar con iso». Moitas desas obras fóronse coleccionado durante oito décadas. Unha selección delas conforma esta exposición que se presenta en primicia para España.

A mostra comprende máis de 300 pezas, entre as que se entrecruzan as obras de creación co material que no seu momento se empregou para levalas a cabo. Hai traballos de Peter Bear fotografando a Mick Jagger no Madison Square Garden en 1972 e manipulando a instantánea co seu propio sangue. «O cal nos di que esta xente era moi extrema», ría Hitchcock. A curadora detívose na maxestosa imaxe de Andy Warhol disparando cunha Polaroid tomada por Oliviero Toscani: «Estaba moi interesado por ela e fascinoulle as posibilidades que tiña para as súas serigrafías». E mostrou a súa predilección por unha serie de María Magdalena Campos Pons «onde mostra as súas ideas como a súa raza, a súa sexualidade e a súa condición de muller». Ansel Adams, André Kertész, Sandi Fellman, Dennis Hopper, Richard Hamiltonm, Shelby Le Adams, Fazal Sheikh, Chuck Close, Philippe Halsman Guy Bourdin e Robert Mapplethorpe son outros dos artistas representados nesta antoloxía.

MIGUEL MIRAMONTES

A exposición intercala durante o seu percorrido diversas vitrinas onde se ve a evolución das cámaras e os prototipos. Tamén se recolle documentación da empresa que reinou ata a aparición da fotografía dixital. Pero, sobre todo, foi a integración desta no teléfono móbil a través do Iphone a que a desprazou definitivamente. Outro visionario que admiraba a Herbert Land, Steve Jobs, empurrou as súas cámaras á irrelevancia. No ano 2008 Polaroid deixaba de fabricar as súas películas. Anos despois, empezaba a nostalxia. A que levou a recuperar modelos e volver facer películas equivalentes. Aínda que, como subliñaba Hitchcock, estas «xa non son o mesmo».