Ángel da Cruz homenaxea ao neorrealismo italiano coa película «Ou home e ou can»

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

CRIS PADÍN

O filme, protagonizado por Manquiña, inaugurou o OUFF 2022

24 sep 2022 . Actualizado á 18:40 h.

O Festival de Cine de Ourense (OUFF) abriu onte as portas da súa edición número 27 coa estrea da nova película do director Ángel da Cruz. Ou home e ou can foi rodada integramente en diferentes localizacións da provincia ourensá o pasado abril e está protagonizada por Manuel Manquiña e a actriz Paula Chaves, que se estrea diante das cámaras. A cinta é toda unha declaración de intencións, un proxecto en branco e negro co que Da Cruz quere render tributo ao cine neorrealista italiano, con toques, subliñou horas antes da súa estrea, de conto de Nadal ao máis puro estilo Frank Capra. «Quixen facer un exercicio de homenaxe á narrativa da posguerra italiana, ó neorrealismo. A aquelas películas de Roberto Rossellini, Vittorio de Sica ou Luchino Visconti que vía de neno na televisión. Parecíame marabilloso o que facían con poucos medios, poñendo a cámara na rúa, sen intervir demasiado. Películas nas que rías e tamén chorabas», evocou o cineasta galego.

O director tamén tivo claro, desde o principio e mentres escribía o guion, que Manuel Manquiña ía estar na longametraxe, apuntando o cambio de rexistro que supuxo para o actor. E destacou, ademais, a naturalidade de Paula Chaves ante as cámaras: «Os dous fan unha interpretación marabillosa», incidiu. Pero na cinta hai outros protagonistas, os 55 extras con texto e a cidade de Ourense, que conforman o escenario que engole ao personaxe central da cinta cando ten que abandonar o seu pobo e viaxar á capital.

Manquiña asegurou que a pesar de aceptar enseguida o papel, fíxoo con reservas, con certo medo. «Ao final resultou sinxelo. Creo que un actor pode facer tanto comedia coma drama, e non é tan diferente», subliñou. Unha reflexión que referendou Ángel da Cruz: «Temos moitos exemplos no cinema español, casos como Alfredo Landa ou José Luis López Vázquez».

A estrea de Ou home e ou can no OUFF ten especial relevancia. Entre outros aspectos, e como puntualizou o director do certame, Miguel Anxo Fernández, é a primeira obra galega que entra na terna oficial do concurso de longametraxes.

A gala de inauguración do Festival de Cine de Ourense converteuse tamén nunha homenaxe a María Casares e, ademais da estrea de Ou home e ou can, entregáronse diversos galardóns. Entre eles o Premio Especial ao deseñador de son arxentino Carlos Faruolo, o Ourense ao actor Chechu Salgado, a Calpurnia de Honra Internacional ao director Pablo Trapero e o Chano Piñeiro á directora de fotografía Lucía C. Pan.

O OUFF celebrarase na cidade dAs Burgas ata o día 1 de outubro. Proxectaranse máis de setenta filmes de diferentes países e haberá actividades paralelas como talleres e presentacións de libros. Destaca a presenza de Jaime Chávarri, que ofrecerá unha clase maxistral.