McCartney cumpre 80 en plena xira

CULTURA

Paul McCartney, mítico cantante e baixista da banda británica The Beatles.
Paul McCartney, mítico cantante e baixista dá banda británica The Beatles. Alberto Valdés | Efe

En coidada forma, o exbeatle lanzou no 2020 o seu último disco, «McCartney III»

27 jun 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O 18 de xuño de 1942, é dicir, hai 80 anos, Paul McCartney viña ao mundo en Liverpool. Xa andaban por aí Ringo e John. George viría máis tarde. Entre os catro, practicamente veciños (George e Paul ían xuntos no mesmo bus ao cole), ían montar unha ben grande na cultura occidental.

O pequeno Paul, dende moi cativo, deu mostras de que a música ía ser o seu oficio. A cousa víñalle de familia. O seu pai, Jim, era pianista, afeccionado pero solvente, e incluso tivo a súa propia banda de jazz (a Jim Mac’s Jazz Band). Tamén probou a compoñer. Escribiu unha canción titulada Walking in the park with Eloise que o seu famoso fillo producirá e publicará en 1974 con Wings, o proxecto musical posterior aos Beatles. Jim aprendera a tocar o piano e a trompeta «de ouvido», é dicir, sen formación musical. O seu fillo fará o mesmo cunha chea de instrumentos. Aprenderá a tocar a trompeta, animado polo pai, pero axiña a deixa porque non lle permite cantar. Así que a guitarra será un instrumento máis que axeitado para el. Con Lennon, con quen se asocia aos 15 anos (Lennon, 17, todo un home que presume de fumar, de levar varias pelexas no seu currículo e de xa ter relacións sexuais), metidos no baño (porque tiña unha grande acústica), aprendéronse mutuamente novos acordes e comezaron, de ouvido, a compoñer, a experimentar, a soñar un futuro. Chegaron a chamarse, fugazmente, Beat Brothers. Os Beatles estaban aínda por chegar.

Paul McCartney, nestes 80 anos de vida, teno feito todo e case que todo ben. Estivo nos Beatles, triunfou logo en solitario, fundou Wings coa súa primeira esposa, Linda (casou tres veces o namoradeiro Macca), compuxo bandas sonoras, produciu a outros artistas e incluso compuxo unha obra de música clásica, o Liverpool Oratorio. A revista Rolling Stone considerouno en varias ocasións, cando se lle dá por facer esa clase de ránkings, o mellor compositor de todos os tempos. En segundo lugar, Bob Dylan. Detrás, John Lennon.

Porque Paul McCartney é un prodixio musical dende moi cativo. Hai unha foto famosa, tomada polo seu irmán Mike (tamén músico e cunha fama fugaz nos derradeiros sesenta ao publicar un par de discos baixo Apple Records, o selo dos Beatles), na que se ve un Paul neno cunha guitarra. A foto titúlase Our boy, ou sexa, «o noso rapaz». A pose é a que lle coñecemos. A guitarra agarrada con forza. Cellas arqueadas mentres canta. Faino entre a roupa tendida da súa nai —que como a de John Lennon, morrerá moi nova; ela inspirará ese himno delicioso titulado Let it be.

O noso rapaz, como no título da foto, foi o máis músico dos catro. Probablemente o máis músico da súa xeración. Admiraba a Brian Wilson, o talentoso (e bastante pirado) líder dos Beach Boys. Nunha visita que lle fixo na súa casa de California tocoulle She's leaving home, un fermoso tema que logo aparecería no Sgt. Pepper's lonely hearts club band. Tocoulla ao piano. Wilson quedou petrificado e, cando Paul marchou, entrou dentro dun proceso depresivo ao entender que nunca estaría á altura dun compositor de semellante nivel.

Perfeccionismo

Tan músico foi de sempre que, nos tempos aloucados de Hamburgo, cando os Beatles eran cinco (John, George, Paul, Stu Sutcliffe e Pete Best), tivo unha liorta de campionato con Stu, que tocaba o baixo pero o tocaba mal. Non tiña nin 20 anos e era o obseso perfeccionista que non lle permitía aos seus colegas non estar á altura que el consideraba a axeitada. Cos Beatles foi igual, para espanto dos outros tres, desesperados porque os chamaba seguido para traballar en Abbey Road. Ringo contaba que durante a gravación do Álbum branco, foi ao baño, e cando volveu, xa estaba Paul gravando as percusións da canción. Tan músico que publicou tres álbums (en 1970, 1980 e 2020) no que toca todos, todísimos, os instrumentos.

O noso rapaz ten 80 anos. Continúa tirando da memoria dos Beatles ao tempo que anda de xira polo mundo. Non baixa das tres horas de concerto e non bebe nin un grolo de auga. Toca de todo e, como di el, «rocanrolea» e é feliz.

É un portento. Que sorte temos de compartir planeta con el.