Marilar Aleixandre: «As sociedades guindan o que é incómodo ao pozo da desmemoria»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora Marilar Aleixandre (Madrid, 1947)
A escritora Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) SANDRA ALONSO

En «As malas mulleres» novela a vida das presas no cárcere da Galera

19 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Con As malas mulleres (Galaxia), Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) acadou o último premio Blanco Amor. Unha novela a varias voces que xira arredor de Sisca, unha rapaza de 15 anos presa no cárcere da Galera, na Coruña, e que recupera a través desas voces a experiencia das reclusas e do traballo de Concepción Arenal e Juana de Vega, cos seus esforzos por tratar de mellorarlles a vida.

-Nos agradecementos do libro menciona a caída da Galera na desmemoria, que mesmo hai quen pasea pola rúa que leva o seu nome sen saber que alí houbo un cárcere de mulleres. Que nos di este esquecemento da prisión e, sobre todo, das presas? 

-As sociedades guindan o que é incómodo para o pozo da desmemoria. As prisións foron -e aínda son en moitos contextos- lugares de vinganza, agochos para ocultar o que non se quere ver, síntomas de que a sociedade non funciona, o pus baixo a cicatriz. Que revelan os pequenos furtos? A miseria na que vivía a meirande parte da xente. A novela comeza en 1863, un ano despois dos Miserables, na que Valjean é condenado por roubar pan. Ou os infanticidios; as coitadas mulleres mataban o fillo para ocultar o que se consideraba «deshonra» ou por non ter como darlles de comer.

-«As malas mulleres» recupera esa memoria e faino a través das palabras, como o emprego de «desterrida», así como a diferenza de matiz entre visitadora e visitante, mesmo que sexa visitadora e non visitador... 

-O libro é escrita contra a desmemoria. As palabras son a ferramenta para reconstruír a historia desas mulleres, devolvela á memoria. «Desterrida» é palabra de Toba que expresa a desesperación das presas. No caso de Concepción Arenal, intentei poñerme na súa pel, como viviría os obstáculos ao seu proxecto, a través desas diferenzas entre Visitadora, a quen lle doe o que ve, e visitante.

-E as palabras desempeñan un papel importante como motor vital, como exemplifica todo o que ten que ver coa aprendizaxe da lectura. Vese aí que o coñecemento é unha ferramenta para rachar con esa dobre exclusión, a de ser muller e a de ser pobre... 

-O coñecemento sempre xogou un dobre papel, arma de exclusión ao negar o acceso a el: na fundación das universidades -a de Santiago- a quen non tiñan «catro xeracións de limpeza de sangue»; ás mulleres pois segundo os diarios dos inspectores de primaria en Galicia a finais do XIX os pais prohibían que se ensinase a escribir ás rapazas. Os libros, ler, escribir, abren o camiño da autonomía, son unha táboa de salvación para as presas. Na novela, grazas a Cantares galegos as mulleres saben que a súa vida, as súas penas son colectivas.

-O cal non contradí a importancia da palabra oral. Na novela hai partes para un coro mudo, que, xunto coa poesía e a narración de transmisión oral, exerce un papel case como de coro nunha traxedia grega... 

-O «mudo coro», mudo por seren esas mulleres silenciadas, permite albiscar por que están presas, e o papel dos predadores sexuais que contemplaban e contemplan as mulleres ao servizo dos seus desexos, como escravas domésticas ou sexuais.

-Hai anacos de documentación inseridos na novela. Textos burocráticos que, porén, revelan moito malia a súa suposta asepsia. Por exemplo, no regulamento do cárcere:, coas alusións a vidas licenciosas... Moitos deses delitos, eran, en realidade, formas de sometemento social ás mulleres? 

-Interésame a ficción híbrida, documentos que revelan anacos da historia. Certo, as mulleres non eran donas dos seus corpos, mesmo se eran violadas a culpa e a vergoña recaían nelas; quedar preñadas fóra do matrimonio debía ocultarse, o que podía levar a infanticidios e abortos; se unha rapaza se vía obrigada a vender o seu corpo, o castigo recaía nela. É a dobre moral, tantas veces denunciada por Pardo Bazán.

«A cabeleira desatada simboliza a sexualidade, a beleza»

O seu corpo é o que leva a algunhas das reclusas da Galera á súa condena, e tamén é un símbolo no que a represión xoga un papel destacado. Se existe unha tradición poética que celebra a cabeleira como un símbolo de liberdade e erotismo, a rapa do cabelo das presas no cárcere representa todo o contrario, a anulación desas ideas e o control e sometemento das personalidades e os corpos das mulleres recluídas. «A cabeleira desatada simboliza a sexualidade, a beleza. Nun texto de Arenal sobre os hospitais denuncia a rapa das mulleres; o seu fin é a humillación, o sometemento. A rapa foi utilizada nas guerras, como refire o poema de Luís Seoane Cabo, a derradeira imaxe, 1936», explica Marilar Aleixandre.

-Nunca celebraremos dabondo ese traballo de Arenal ou Juana de Vega , pero cumpría tamén recuperar a memoria das mulleres da Galera, e é a literatura a que permite facelo: e esta novela sitúase xusto na intersección na que conflúen a visitadora e as vítimas... 

-Arenal crea con Juana de Vega a Sociedade da Madalena para mellorar a vida das presas, porque a súa función como Visitadora é só controlar o cumprimento da lei. Hai estereotipos ao percibir os esforzos de Juana de Vega como beatería ou «caridade»: na época foi criticada polo contrario, ter como obxectivo mellorar a vida dos excluídos, denunciar a corrupción, e non seguir preceptos cristiás. Mais as presas, como Sisca, podían entrar en conflito con Arenal pola súa identificación de delito con pecado. Conflitos que son un dos motores da novela.