«Cuñados»: Risoterapia, que non é pouco

miguel anxo fernández

CULTURA

Internet

O espectador levántase cun sorriso ao finalizar o debut de Toño López na longametraxe

13 abr 2021 . Actualizado ás 10:24 h.

O de risoterapia vai con segundas porque no cine español a comedia é materia para cualificar cun «necesita mellorar», salvo moi honrosas excepcións, pois ou ben trasladamos á pantalla grande os trillados recursos das sitcom televisivas ou encadeamos chistes filmados para coalos como gag. E en canto ao cine galego, o xénero é terreo pouco labrado -hai pandemia de personaxes avinagrados ou con cara de bacallau seco-, excepción da primeriza O ano da garrapata (2004), a coral Lmorrer van de présa (2009), a simpática e surrealista Crebinsky (2011), e talvez Somos xente honrada (2013), anotado sen ser exhaustivos. Pero ningunha loce o redondeo e as ideas claras como Cuñados co debutante Toño López -moi currado en teleseries-, asumindo que a longametraxe ten os seus códigos formais en cadro, ritmo e estrutura, e os tipos progresan máis aló da caricatura, mérito da guionista Araceli Gonda e achegas varias da repartición.

Máis aló da trama, que arrinca en paralelo desde unha débeda millonaria e un desamaño familiar, funciona o trío masculino protagonista -Federico Pérez fai pleno co seu Modesto, o líder real do envurullo-, a totalidade do cadro de persoal feminino outro tanto -aínda que algo descompensado-, os gag atinan e o desenlace é un ochomil, suficiente para que o espectador se levante cun sorriso, a final de contas pasou por caixa para unha sesión de risoterapia. Outra non era a intención da produtora Portocabo -os da serie Hierro -, por vontade de Alfonso Blanco Fosco, o seu produtor executivo. Rodouse en Ourense -o Ribeiro, a cidade, Allariz...- por pura militancia, por ourensán. De paso insiste no que é tendencia na actual dinámica audiovisual, pór en valor espazos e territorios coa complicidade de institucións provinciais e locais. Así se desenvolve o sector e de paso créanse sinerxías. As comedias son para troncharse e aquí as situacións van parellas ao debuxo dos personaxes, renunciando ao humor groso co gag intelixente. O covid será o seu principal escollo, pero créano, ris, que non é pouco.

«CUÑADOS»

España, 2021.

Director: Toño López.

Intérpretes: Miguel de Lira, Federico Pérez, Xosé A. Touriñán, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños, Mela Casal.

Comedia.

95 minutos.