Sen violencias

Gracia Novás

CULTURA

11 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Sen necesidade de explotar a violencia explícita, o sexo e a linguaxe mal sonante, Mary Higgins Clark mantívose catro decenios na cima das listas de vendas. Din que Quentin Tarantino aínda se pregunta como ela puido logralo. Ninguén se imaxina ao realizador adaptando unha das obras de intriga da autora neoiorquina. É igual, aínda que moitas das súas novelas foron levadas ao cine e a televisión, a Higgins Clark nunca lle fixo falta impulso máis aló da súa propia escritura para triunfar. Viúva con pouco máis de trinta anos e cinco fillos ao seu cargo, foi unha muller feita a si mesma, que houbo de loitar para sobrevivir -como xa fixera cando quedou moi nova orfa de pai-. Esa dura escola da vida espertoulle (e afiou) o instinto de narrar, confirmoulle que o ser humano necesita que lle conten historias, como tamén que o crime está indiscerniblemente unido ao home. Esa sabedoría, e o seu enorme tesón, como a convicción de que o relato resultará mellor canto menos pretencioso, perfilaron a fórmula do seu prolongado e envexado éxito.