Haydée Milanés: «A música do meu pai foi a miña primeira influencia»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

HAYDÉE MILANÉS
HAYDÉE MILANÉS

A filla de Pablo Milanés chega a Galicia dentro da xira na que revisa o repertorio do seu proxenitor

08 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Haydée Milanés desenvolveu a súa carreira intentándose librar da sombra do seu pai. «Asumir que es filla dunha figura tan importante na música cubana e mundial é complicado, sobre todo cando es nova», explica. «Sempre busquei o meu lugar e facer unha traxectoria independente», engade. A semana que vén estará en Galicia (xoves 17 en sala Capitol de Santiago e venres 18 salas A Room de Ferrol) presentando Amor, un disco que en realidade supón todo o contrario.

-A pesar desa procura de independencia, a figura de Pablo Milanés sempre estivo. Era inevitable?

-A música do meu pai nunca me abandonou. Foi indiscutiblemente a miña primeira influencia. Eu vin na miña casa ao meu pai cantar na sala, na cociña, sentado no seu estudo. Puiden ir aos seus concertos desde moi pequena. Para min é algo moi próximo. É un ídolo. Pero ao principio si que puido ser complicado.

-Sente que con «Amor», no que revisa os seus temas, pechou un círculo?

-Sentín a necesidade e fíxeno. Forma parte da miña madurez persoal: asumir a súa obra e que son a súa filla para poder compartir a música con el. Por que non? Gozar e vivir a parte bonita de ter un pai con esa traxectoria.

-Por que rebusca nas raíces da música cubana?

-Creo que os artistas teñen que investigar nas cousas do seu propio país, porque se poden quedar ocultas. Non son de desdeñar ningún xénero nin estilo musical, pero é importante coidar as raíces. Hai unha tendencia actualmente dos artistas de quererse parecer uns a outros. Non soamente no musical, senón no xeito de conducirse. Iso é un erro.

-Fálase de bum latino, pero para moitos iso equivale exclusivamente a reguetón.

-Hai moitas outras cousas. O reguetón é unha cousa que xurdiu a finais dos noventa, é imposible que o latino sexa só reguetón. A xente debe informarse máis.

-Séntese doutra época no medio dese bum?

-Non son da maioría, pero hai moitas persoas dentro da música latina coas que me podo identificar, como Lila Downs, Julieta Venegas ou Natalia Lafourcade. De xente máis madurita, podiamos falar de Pancho Céspedes ou Omara Portuondo.

-Algúns deles colaboran no seu último disco.

-Exactamente. Eu invitei a artistas cos que sinto unha afinidade musical e tamén espiritual.

-Que atopa no bolero tradicional cubano para tirar dese fío en pleno 2019?

-¡Uy, mozo é que iso ten unha maxia que namora! Sobre todo o feeling. É un bolero evolucionado, cunhas harmonías un pouco máis modernas e outras letras. É unha música que a min me chega moi fondo, que me emociona e dime cousas.

-Di que non podería deixar de vivir en Cuba.

-Teño amor ao mar, ao Malecón e á terra que me viu nacer. Non é que non puidese irme, pero causaríame moita tristeza, como lle causa os que se han ir.

-Como ve o futuro?

-Cuba está nun momento crítico. Os cambios son para atrás. Este país practicamente non está a funcionar. O bloqueo aféctanos moitísimo, pero hai problemas internos que nada teñen que ver co bloqueo.

-Cales?

-Abrir, abrir e abrir. Abrir a mente, buscar novas cousas e darlle unha confianza ao cubano. Deixar que se exprese libremente, que sexa emprendedor e que poida tomar decisións. Non só o cubano que está no poder. Tamén o da rúa. E tamén os cubanos de fóra de Cuba, que son cubanos tamén e teñen que ter dereito. Iso tamén se violou durante moitos anos.