«'Elisa e Marcela' ponche no lugar do outro, faiche cuestionarche cousas»

CULTURA

Greta Fernández y Natalia de Molina, Marcela y Elisa en la película de Isabel Coixet
Greta Fernández e Natalia de Molina, Marcela e Elisa na película de Isabel Coixet Europa Press

Ás ordes de Isabel Coixet, Natalia de Molina e Greta Fernández dan vida a dúas mestras galegas que en 1901 conseguiron o imposible: casar pola Igrexa. A película chegará aos cines o 24 de maio e poderase ver en Netflix a partir do 7 de xuño

21 may 2019 . Actualizado ás 19:28 h.

Fai cen anos xa había mulleres que amaban a outras mulleres. Probablemente sempre as houbo, pero en 1901, Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas trazaron un meticuloso e atrevido plan para que o mundo as deixase en paz. A cousa non lles saíu do todo mal: o 8 xuño, esta parella de mestras galegas contraeu matrimonio relixioso na parroquia coruñesa de San Jorge, unha voda que conmocionou á sociedade da época e que nunca chegou anularse. Como o fixeron? Elisa «converteuse» en Mario. O 26 de maio foi bautizada como tal por «o señor Cortiella» e, días máis tarde, ás sete da mañá, no mesmo templo e ante o mesmo sacerdote, deulle a Marcela o primeiro si quero sen home do que se ten constancia en España.

Isabel Coixet (Barcelona, 1960) descubriu esta prodixiosa historia de amor que no seu día contou La Voz fai dez anos e agora, por fin, conseguiu contarlla ao mundo a través de Natalia de Molina (Linares, 1990) e Greta Fernández (Barcelona, 1995). Elas, a súa conexión e a súa delicadeza, son o mellor deste traballo que terá unha estrea limitada en cines. Permanecerá en salas da Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Cee, Málaga, Madrid e Barcelona só dúas semanas, a partir do 24 de maio. O 7 de xuño, pasará a estar dispoñible en Netflix  a nivel mundial.

-Coñecían a historia de Elisa e Marcela cando lles xurdiu a oportunidade de facer esta película?

-Natalia de Molina. Non, non a coñeciamos, polo menos eu coñecina co guión. A min, persoalmente, pareceume fascinante e incrible non coñecela. Pensei, como pode ser posible que estas mulleres teñan existido, teñan conseguido todo o que conseguiron e que non se estude, por exemplo, nos colexios?

-Greta Fernández. Eu uns meses antes de empezar a rodar, en xaneiro ou febreiro do ano pasado. Creo que é unha marabilla poder contala, pórlles ollos, cara, corpo a estas mozas, paréceme unha honra. É o meu primeiro papel protagonista e ademais con Isabel Coixet. Esa foi a miña primeira emoción como actriz, claro, o meu primeiro subidón, pero logo, amais , a historia pareceume marabillosa. Foise sumando todo, pero foi unha oportunidade moi bonita.

-Como foi o traballo para meterse nos seus respectivos papeis?

-N. O importante nesta película, en realidade, era o traballo que tiñamos que facer as dúas xuntas, a unha coa outra, porque Elisa non se entende sen Marcela e Marcela non se entende sen Elisa, entón a base do noso traballo, polo menos para min, era traballar con Greta e conseguir transmitir, ter química. Non nos coñeciamos de nada. O desafío era que a xente vise a película e crese que esas dúas mulleres se amaban de verdade, que o fixeron, pero ás veces interpretalo...non é doado, a cámara veo todo, sabe cando amentes a leguas. E conseguir trasladar un sentimento tan puro con alguén que non coñeces... que non sabes se che vas entender ou non... era moi importante. A verdade é que nos entendemos moi ben e xurdiu a maxia. 

-Consultaron algún tipo de documentación para meterse no papel?

-N. Hai un libro, no que Isabel Coixet baseou o guion, e aí hai moitísima información respecto diso. Hai moitos datos históricos, que rexistran os seus movementos: o día que casaron, o que se foron a Portugal, o que se marcharon a Arxentina e perdéuselles a pista... pero tamén moitas declaracións que se difundiron entón que eu non sei ata que punto eran verdade. É difícil. Porque eran dúas mulleres que loitaron contra unha sociedade que non as soubo entender nin as aceptaba. Hai moitas cousas que non se se crerme, como que Elisa maltrataba a Marcela, que era unha muller que case a secuestrou... cousas así. Chegas á conclusión de que eran as opinións da xente que vivía alí que non podían aceptar que dúas mulleres se amasen. Ao final, o traballo estaba máis enfocado no guion, a poesía,  a utilidade e sensibilidade que Isabel quería que estivese na película.

-Que foi o máis complicado?

-N. Os tempos. Rodamos a película en catro semanas e era moi vertixinoso todo, moi intenso. Estaba a rodar de Elisa e na seguinte secuencia, de Mario. Era todo moi rápido e iso foi o máis difícil, porque tampouco che daba tempo sequera a saber case o que fixeras, e é unha película moi complexa. Isto causábame moita inseguridade, pero á vez, era moi estimulante porque tiñamos que estar ao 300 %.

-G. Para min tamén isto, o pouco tempo que tiñamos para rodar todo. Durante a película pasa moito tempo, desde que empeza a película ata que acaba pasa moitísimo tempo, e os personaxes cambian moito e evolucionan. E para rodar iso de xeito cronolóxico hai que estar moi atento e moi conectado todo o intre, ser moi consciente en todo momento de onde están os personaxes, non che podes despistar nin un segundo porque, se non, se desordena todo moito. Había moito diso: de saber onde estabas, en que momento da historia, que pasara, de onde viñamos, que viña despois... E un mesmo tiña que manter esa orde para telo todo ben atado e logo deixarche ir.

-A película detense moito na intimidade destas dúas mulleres, como foi rodar estas escenas?

-N. Antes de rodar a película había unha especie de tensión sobre como sería, pero logo, ao final, este tipo de secuencias, as de sexo, son as máis mecánicas, nelas adóitase xerar un ambiente máis respectuoso e hai moito coidado... E logo tamén o feito de que o equipo fose na súa maioría feminino a min, persoalmente, deixábame cunha tranquilidade diferente a outras veces que tiven que rodar películas con escenas de sexo. Queiras que non, unha séntese máis protexida entre mulleres, ou polo menos a min pásame. E logo con Greta houbo moitos momentos divertidos, nos que riamos moito.

-A escena do polbo?

-N. Foi mítica (risos). Foi «a escena». Porque ademais o polbo cheiraba moi forte ¡e estaba moi frío! E tiñamos que facer como que era o máis divertido do mundo e, en realidade, cheiraba moi forte e estaba súper frío...

-G. As algas tamén cheiraban moi forte. Cheiraban a mar puro, puro.

-N. Pero era divertido. Eu nunca vira no cine contar a sexualidade con este tipo de elementos. Creo que aí Isabel se arriscou e quixo contar cousas diferentes, e pareceume moi interesante.

-A maioría dos personaxes teñen acento galego. Pero Elisa e Marcela non.

-G. Co pouco tempo que había, realmente era complicarse a vida pórse a facer acento. Eu creo que Isabel o decidiu así porque lle custaba a Natalia e eu gustáballe como actriz, e víanos nesta historia. E priorizou isto.

-N. Foi unha decisión súa, si. Eu díxenlle que podiamos intentalo, pero agora, despois de ver como foi a rodaxe, cos poucos tempos que había..., creo que fose peor.

-G. Se tivésemos tres meses para preparalo, talvez si, pero era pólo moi difícil. E era moi posible, polo menos para min, que se o facía saíseme mal en tan pouco tempo. 

-Como foi traballar con Coixet?

-N. É unha directora moi libre. Eu sentíame moi segura en moitas cousas porque ela me transmitía moita seguridade e confiaba plenamente en nós. Se se lle ocorrían cousas, sempre as dicía, foi moi vivo todo. Rueda moi rápido, facía moi poucas tomas porque o tiña todo moi claro, e cando algo lle gustaba non necesitaba máis. E foi un gran traballo en equipo.

-E rodar en Galicia?

-N. ¡Que che vou contar! ¡É incrible Galicia!

-G. Rodamos nun pobo perdido, precioso, Pazos de Arenteiro. E fomos a lugares moi bonitos. Estabamos nunha especie de casa rural, cun bosque diante.

-N. E tamén rodamos a voda aí. Ese lugar era moi bonito. En Galicia hai unha paraxe natural incrible e aí está, fotográficamente, na película. Todo o que se rodou en Galicia, que foron os exteriores durante dúas semanas, é un cadro, é espectacular.

-Con que quedan deses días?

-N. ¡Con todo...!

-G. Recordo pola mañá levantarme, abrir a porta do cuarto e ver ese bosque... ¡Que gusto!

-N. E a comida, obviamente, cómese que dá gusto. Por que foron só dúas semanas? Encantounos quedarnos meses... (risos)

-Creen que a día de hoxe está normalizada a sexualidade libre? 

-N. Non, non hai máis que pór as noticias ou ver como a homofobia está a crecer a nivel mesmo político, están a xurdir partidos con mensaxes bastante homófobos, que hai países nos que é un delito, que pegan malleiras a xente por sentir libremente... Creo que hai dous polos: hai unha parte da sociedade que o ten súper aceptado e que cre na liberdade absoluta, como debe ser, e hai outra parte da sociedade que aínda segue ancorada noutro século. Queda moito camiño por percorrer, tamén en España. Aquí o matrimonio homosexual existe, si, ¡pero tamén hai cursos para curar a xente que sente así!

-G. E algúns partidos políticos queren ilegalizarlo outra vez.

-N. Hai xente que aínda segue pensando que é unha enfermidade. Avanzamos, pero noutros aspectos non estamos tan afastados de como se pensaba fai cen anos.

-Como pode axudar unha película como esta a normalizalo? 

-N. Basicamente, creo que hoxe hai un gran problema coa empatía, que hai moita xente que carece dela. E creo que esta película, precisamente, o que fai é que empatices cos personaxes, co amor, que o entendas, que mesmo che cuestiones se tes algún tipo de prexuízo. Que teñas pensado: "Por que teño un problema con que dúas persoas se amen?". Porque ao final é iso, ao final a mensaxe é: que che importa a ti que dúas persoas se amen se é un sentimento positivo. Se me estiveses falando de dúas persoas que van asasinado a xente ou de algo moito máis negativo... podería chegar a entender que a túa enerxía se focalizase niso, pero nun sentimento tan puro como é o amor... Creo que esta película che pon no lugar do outro e faiche cuestionarche cousas. 

-A película presentouse na Berlinale envolta en polémica. Foi boicoteada por exhibidores cinematográficos alemáns que pediron a súa retirada da competición xa que, ao ser distribuída por Netflix, só se estreará comercialmente en salas de España. Cal é a vosa opinión sobre a participación en festivais do cine feito para plataformas?

-G. Eu podo ser capaz de entender que haxa xente que teña outro tipo de opinións, o que pasa é que desde o meu punto de vista, que son actriz e dedícome a isto, o feito de que se creen plataformas e, con elas, máis opcións de traballo é algo positivo, e é algo que a min me gusta. É a primeira vez que fago unha película de protagonista, non agardaba que Netflix sen ser eu coñecida deixase que protagonizase unha película, e a verdade é que a min isto xa me di moito da plataforma. Que esta película que tardou tanto tempo en levantarse levantouse grazas a que existiu unha plataforma así, tamén só podo velo como algo positivo. Entón, realmente, a min o que me deu son cousas boas. Hai cousas que cambian, si, e os cambios ás veces son complicados de colocar, porque o cine ten unha traxectoria e un significado en si, pero non creo que Netflix nin toda esta nova era queira que isto desapareza.

-N. É que o cine... por que algo é cine e por que non o é? Realmente depende do tamaño? É a sala ou é, en realidade, a obra artística?

-G. Eu o que quero é que a xente vexa a película, que a vexa en salas grandes, en proxectores ou nas súas casas. Que cada un a vexa como lle apeteza. Obviamente, defendo que é moi distinta a experiencia de ver unha película nunha sala grande que nunha pantalla pequena, pero tamén é certo que ás veces un fai películas máis pequenas ou máis independentes e sabe moi mal que non chegue e que non se vexa. Ás veces nin se distribúe. É moi difícil. Ao meu faime moita ilusión, porque son consciente e sei que esta película se vai a ver moito, con outras tes dúbidas de que iso pase.

-N. Ao final van convivir. Son modelos que están condenados a convivir.