Oscars 2015: Os esquecidos de Hollywood

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O espazo da gala dos Óscar que lembra aos artistas falecidos no ano anterior deixou fóra da súa homenaxe a Joan Rivers e Francesco Rosi

25 feb 2015 . Actualizado á 05:00 h.

Todos os anos ocorre na cerimonia dos Óscar. Parece difícil acordarse de todos. Iso que angustia tanto aos premiados cando tratan atropeladamente de non esquecer a ninguén -na familia e na profesión- na súa longa nómina de agradecementos. Pero se na alegría todo perdoa, non ocorre o mesmo cando se trata dos mortos, na homenaxe a artistas e personalidades do mundo da industria cinematográfica falecidos no ano anterior. E tamén sucede. Cada ano. Esta edición (a 87.ª) tocoulle á moi popular comediante, actriz e presentadora Joan Rivers, que se foi o pasado 4 de setembro, e que non aparecía entre os rostros de Robin Williams, Mickey Rooney, Lauren Bacall, Gabriel García Márquez, Harold Ramis ou Bob Hoskins -é curioso, na súa casa, en Inglaterra, nos Bafta, esqueceron ao grande intérprete, nomeado aos Óscar polo seu papel en Mona Lisa-, entre outros moitos, e que evocou un vídeo duns catro minutos de duración que preparou a Academia de Hollywood como parte principal do espazo In memorian que inclúe habitualmente a gala. Iso si, a Academia desculpouse enseguida polo erro e lembra que si aparece na web Oscar.com. Ao peche desta edición, aínda non pedira escusas con todo pola ausencia no mesmo vídeo do cineasta italiano Francesco Rosi, coa crecente indignación nas redes sociais, especialmente no seu país.

Rivers tivo unha longa carreira televisiva (iniciouse como monologuista nos anos 60) e, nun dos seus últimos proxectos, traballou coa súa filla, no reality show Joan & Melissa: Joan Knows Best. Cando faleceu promocionaba o seu último libro, Diario dunha diva tola. En canto a Rosi (Nápoles, 1922), a súa carreira cobrou gran notoriedade cos seus filmes sobre a mafia, sobre todo con Mans sobre a cidade, que lle valeu o León de Oro do Festival de Cine de Venecia.

Peor foron aínda as cousas o ano pasado nos Óscar, onde faltaron ademais da española Sara Montiel, o vídeo omitiu ao actor secundario Dennis Farina, o exitoso escritor Tom Clancy, o actor televisivo Russell Johnson e a Marcia Wallace, que daba voz á señorita Krabapappel nOs Simpsons.

Tamén unha voz mítica, a da actriz de dobraxe coruñesa María Romero -que falaba en castelán por boca de Mildred, a inigualable señora Roper da serie televisiva Os Roper, e que faleceu hai apenas un mes- faltou no In memorian da recente gala dos Goya 2015.