Diego Maseda, bibliotecario: «Estou canso de ver historias de amor heterosexual, quero outras realidades»

VIVIR A CORUÑA

Diego Maseda, bibliotecario y uno de los impulsores de Queeruña, club de lectura LGTB.
Diego Maseda, bibliotecario y uno de los impulsores de Queeruña, club de lectura LGTB. ANGEL MANSO

Queeruña é un dos 36 clubs de lectura que oferta a rede de bibliotecas e que comezan a súa inscripción este mes de setembro 

13 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co XXI Premio Marcela y Elisa baixo o brazo, o club de lectura LGTB da rede de bibliotecas municipais de A Coruña, Queeruña, celebra o seu décimo aniversario como un referente imprescindible en Galicia. Diego Maseda, un dos seus impulsores, comparte as claves e novidades deste ano. 

—Faredes algún cambio?

—Co pretexto de ser o décimo aniversario, que nunca pensamos que fose chegar a ter todo este percorrido un club de lectura tan específico, imos converter as dinámicas tamén ao queer, porque o club era moi diverso nas súas lecturas, pero moi estanco, moi similar a calquera outro club.

—Este ano tamén celebrades o XXI Premio Marcela e Elisa, que recibistes pola vosa labor en favor da cultura LGTB.

—Foi unha recompensa a moitos anos de traballo en torno ao LGTB nas bibliotecas, un servizo público que fixo unha aposta clara e decidida por traballar nas diversidades e poñer o foco aí. Somos o único en Galicia destas características.

—Como foi o nacemento?

—As bibliotecas públicas nesta cidade somos moi porosas ante as demandas cidadás. Recibimos unha para montar un club de lectura especificamente LGTB. Fixemos unha análise dos fondos e das capacidades que tiñamos internamente e decidimos facelo. O primeiro ano foi no curso 2016-2017 e no 2022 tivemos que abrir un segundo grupo porque había moitas persoas en lista de espera. No ano 2024 engadimos un grupo máis.

—Como é o proceso de selección?

—É por orde de inscrición, como calquera outro club da rede, que temos 36. Este ano empeza o xoves 18 de setembro, ás 7 da tarde, que é o mesmo día da semana en que se reúne o club, unha vez ao mes. É habitual que as prazas se esgoten en cuestión de dez minutos. Actívase entón a lista de espera, da que chamamos a xente no caso de baixas ou xente que supera o máximo de ausencias permitidas.

—É un dos máis demandados?

—Os clubs teñen moitísima demanda. A pesar de que ofrecemos unha oferta robusta, unhas 600 prazas, sempre hai máis solicitudes que prazas. A peculiaridade deste non é só a demanda, senón o público que atrae: maioritariamente novo e masculino, algo pouco habitual.

—Por que cres que é importante para unha persoa do colectivo ler literatura «queer»?

—Porque os referentes queer foron silenciados de forma permanente. Creo que é fundamental que as persoas teñan referentes nas súas vidas para ter a onde mirarse, en positivo ou en negativo, para saber a quen te queres parecer e a quen non. As persoas do colectivo apenas tivemos referentes na televisión, na literatura, no instituto ou no colexio...

—E por que para as persoas do colectivo e necesario estar entre semellantes?

—A relevancia para min deste club de lectura é todo o que envolve a propia lectura. O libro é o punto de partida para algo máis. Aquí creo que o que predomina é a rede que se xera, de coidados, de espazo seguro, que brota ademais nun servizo público.

—Recibíronse críticas polo feito de ser un club tan específico?

—Hai quen non entende por que existe un club LGTB, porque din que se pode ler en calquera club. Pero na práctica, se deixamos que as cousas flúan, apenas se le temática queer. Aquí a necesidade é recuperar os referentes roubados. E nesta rede de bibliotecas déronnos a oportunidade de facelo de forma estable e permanente.

—Tamén as persoas do colectivo queremos ler, por exemplo, historias de amor entre persoas do mesmo sexo.

—Eu estou canso de ver historias heterosexuais ou, tamén, ler historias LGTB cheas de mortes e desgrazas. Queremos ver realidades diversas, con referentes positivos e negativos, pero presentes.

—Cal e o teu recordo LGBT?

—No meu caso foi a película La ey del deseo, de Pedro Almodóvar. Acordareime sempre, foi o primeiro encontro homosexual que eu vin.

—É complicado, pero recoméndenos un par de libros dos que leron nestes dez anos.

—Destacaría a Memoria diversa de Eva Mejuto, que é un conxunto de testemuñas de persoas LGTB galegas maiores, que nos dá unha perspectiva moi interesante de onde vimos no movemento queer galego e de cara onde vamo. E tamén A semellanza, de María Xosé Queizán, que introduce elementos identitarios eh de vértigo.