Vilasantar promove unha comunidade enerxética sostible

La Voz VILASANTAR / LA VOZ

VILASANTAR

C. V.

Propoñen a instalación de placas solares en 19 edificios municipais, que trasladarán á rede eléctrica o excedente enerxético

26 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Vilasantar organizou a primeira reunión cos veciños para presentar a comunidade enerxética Vilasantar Enerxía. O proxecto consiste en crear unha entidade para xestionar e beneficiarse das instalacións fotovoltaicas promovidas polo municipio e que, segundo os cálculos do consistorio, suporá un aforro de ata o 30 % da factura enerxética anual aos veciños.

Este plan suporá a instalación de placas solares en 19 edificios municipais, que trasladarán á rede eléctrica o excedente enerxético. As vivendas asociadas nun radio de 2 quilómetros en liña recta poderán beneficiarse desa electricidade, reducindo a súa factura. Desde o Concello aseguran que non só se persegue un obxectivo económico, senón que «ten un cariz social e medioambiental para coidar das persoas e do planeta».