José Mahía, el último de una estirpe: «O batán o que dá agora é traballo»

VILASANTAR

Marcos Míguez

Conserva na súa propiedade de Mezonzo, en Vilasantar, un antigo batán, que deixou de abatanar cobertores de la hai 69 anos, pero que mantén como memoria dun oficio que se perderá con el

24 may 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

José Mahía, Pepe do batán, é aos seus 85 anos un gran contador de historias e tamén memoria viva e activa dun pasado ligado a completar o traballo que se facía no tear. En Vilasantar , explica, chegou a haber «unha ducia de tecelás», pero ese mundo foi desaparecendo coa chegada doutros tecidos e en 1954 o batán, no que tamén traballaba o seu irmán, parouse. Supuxo truncar unha historia que entronca o traballo da súa familia cuns labores impulsados desde o antigo mosteiro de Mezonzo, polo menos, desde o ano 950. Cunha axuda da Deputación, este dispositivo con dous grandes mazos de madeira que baten nunha cuba e que quedara abandonado restaurouse no 2000 e permite agora a Pepe ofrecer unha clase práctica a quen llo pida.

Desde a súa casa en Mezonzo hai que descender varios tramos de escaleiras para chegar ao batán, que acaba de estrear unha «roda», que se move coa caída da auga do río Gándara nas súas culleres. Un simple empuxón cunha vara actívao. Agora o Gándara baixa caudaloso e o seu ruído case complica a explicación, pero non sempre é así e Pepe relata que o batán, cuxos ingresos eran un complemento ao seu traballo como gandeiros, funcionaba pouco máis de tres meses, de marzo a mediados de xuño. «Cando había auga e ademais as mantas secábanse no verán, que no inverno non o fan. Para secar unha manta fai falta ben unha semana de bo tempo», precisa.

Pepe fala dos lenzos dos cobertores e das varas, a medida da época, para este tipo de pezas. Cando o batán deixou de funcionar o prezo por abatanar unha manta, un proceso que podían levar entre 24 e 30 horas para que quedasen tupidas e soltasen o pelo, era de 12 pesetas. «Encollían o 50 %», explica, ao mesmo tempo que mostra o canlón que transportaba a auga para que as mantas estivesen sempre molladas durante a operación.

O seu traballo non se cinguía a Vilasantar. «As mantas viñan a súa maioría de lonxe, da zona de Ordes, de Frades e Mesía. Se cadraba un domingo xuntábanse no curral 14 ou 15 bestas», rememora. «O batán agora o que dá é traballo e gasto, a min isto non me da nada, o que tira é o turismo», sentenza, ao mesmo tempo que recoñece que o Concello axudou a renovar a cuberta e a roda. «Aquí xa non había quen fixera isto, hai moito ordenador e moita cousa moderna, pero para traballar houbo que traer un carpinteiro de ribeira de Cabana, Martín Senande», comenta, recoñecendo que tampouco ten el, na súa familia, quen colla a súa testemuña.

Ese pragmatismo non lle impide que siga ampliando o atractivo do que xa denomina como conxunto etnográfico. Completou estes días unha área recreativa con mesas para unhas 30 persoas e un par de randeeiras xunto ao río e a un muíño, en perfecto estado, tamén da súa propiedade. Con todo, recoñece, que a tarefa máis ardua foi unha ponte de madeira para que os que fan a ruta de sendeirismo poidan sacar decata a imaxe da fervenza, que antes só era posible se se penetraban no río.

Propiedade privada

O acceso ao complexo etnográfico é gratuíto, pero hai cepillos para colaborar no seu mantemento

Pólo a funcionar costa 10 euros