Antía M. Pena: «A noite de San Xoán só tomo unha sardiña e moito pan»

SADA

MARCOS MÍGUEZ

Sadense de 20 anos, «sincera e decidida», a meiga elixida pola asociación das fogueiras coruñesas fai prácticas en Estrella Galicia e soña con traballar na compaña

25 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Ten 20 anos, vive co seu noivo e fai prácticas no departamento de fabricación de Estrella Galicia. «De pequena quería ser profesora, pero non vallo para estudar unhas oposicións nin para iniciar outra carreira. Xa fixen un ano de Recursos Humanos e deime conta de que non era para min. Curso unha FP Dual de Química Industrial con Hijos de Rivera no IES A Sardiñeira que inclúe dous períodos de prácticas. O meu soño é traballar aquí nun futuro, porque é onde está o posto de traballo do meu pai e todo o mundo fálame fenomenal do ambiente que hai entre os compañeiros», relata Antía M. Pena, a meiga do San Xoán elixida pola Asociación de Meigas das Fogueiras hai unhas semanas.

Quedamos no Central Park da praza de Vigo e o primeiro que me di é se podo escribir o seu primeiro apelido desta forma: M. Explícame as razóns pero pide que nolas publique. Nunca me pasara algo así. Esta meiga é unha moza con moita personalidade. «Son directa, sincera e decidida. Cando me propoñen algo, non dubido, ou si, ou non. Creo que ser tan sincera pode ser un defecto pero teño a virtude de que sempre estou feliz cos demais», confesa. 

Foliada, verbena e discoteca

Antía é de Sada e estudou no IES Isaac Díaz Pardo pero agora vive na Coruña de xeito independente. «Necesito estar fóra de casa», asegura. En Sada tamén formou parte da Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa. «Sempre me gustou o baile galego e participei nos certames que organizaban Xacarandaina ou Xiradela e recordo que sempre gañabamos. Aínda que os meus amigos non o comparten demasiado prefiro unha foliada que unha verbena ou unha noite de discoteca», afirma. Tanxugueiras, Melendi, Fito e artistas emerxentes pouco coñecidos son as súas preferencias musicais.

Pregúntolle pola súa canción favorita e bota man do móbil e da súa lista de Spotify. A meiga decántase finalmente por Hoxe, mañá e sempre, de Tanxugueiras. Toca a guitarra e o piano e di a lista de instrumentos que ten na casa. «Teño unha guitarra española e outra eléctrica, un ukelele, pandereita e teclado. Fáltame cantar mellor, pero non o fago mal. Escóitasme e non che sangran os oídos». 

Un momento con Lucas Pérez

Quedamos o xoves pola tarde, só unhas horas despois do seu primeiro grande acto do San Xoán, o Aquelarre poético. «Aínda teño resaca emocional. Entregar un premio a Lucas Pérez foi algo incrible. Díxome que estaba moi guapa e fixémonos varias fotos. Tamén unha coa miña familia. Agora teño por diante unha axenda moi completa e o día 23 acenderei a fogueira, pero non da praia. Aínda que eu acabo de chegar non entendo que non salgan as carrozas e que non se lle dea máis visibilidade a unha festa declarada de interese turístico», analiza. Di que é o seu día favorito do ano e que sempre a celebrou en Sada. «Como non me gusta o peixe a noite de San Xoán só tomo unha sardiña e como moito pan. E son de saltar a fogueira para afastar os malos espíritos».

No seu brazo esquerdo loce unha pequena tatuaxe dunha letra A elevada ao cadrado. «A miña prima tamén se chama Antía e por iso fíxenmo», explica. Se remanga e vaime explicando o significado dos outros. «Este é por un amigo que se suicidou e ao que lle gustaban moito os gatos, estas son as datas de nacemento da miña nai e do meu pai...». Aos seus 20 anos non practica deporte pero xura que «o mes que vén apúntome ao ximnasio. Pero móvome, fago 14.000 pasos diarios». Non lle gusta o peixe e só fai unha excepción coa sardiña de San Xoán. Encántanlle o brócoli, a coliflor, o aguacate e o pastel de bonito que fai a súa nai. «Esta noite creo que haberá que pedir unha hamburguesa porque non temos nada para cear na casa», confesa Antía M. Pena, a meiga do 2025.