Sada propón a Sargadelos asinar dous convenios para a apertura da piscina e o Museo Carlos Maside

SADA

C.S.

Asumiría obras de mantemento na Pía do Loureiro e ampliaría o horario de apertura do centro cultural

22 mares 2024 . Actualizado ás 11:56 h.

O goberno de Sada propuxo esta semana a Sargadelos asinar dous convenios para a apertura da piscina de Cerámicas do Castro e do Museo Carlos Maside. Respecto da piscina da Pía do Loureiro, o Concello trasladou a Sargadelos o compromiso para realizar obras de mellora, así como a asunción do mantemento e gastos derivados do seu uso, incluídos socorristas, durante a tempada estival. Ademais, o goberno local mostrou o seu compromiso para que o importante patrimonio artístico e cultural que alberga o Museo Carlos Maside, situado no complexo da cerámica, sexa accesible á cidadanía, especialmente aos veciños de Sada, polo que propón un convenio para ampliar o horario de visitas dotado con 15.000 euros. Actualmente, o horario de apertura é unicamente os venres de 10.00 a 14.00 horas.

O Concello de Sada dotaría con dous convenios, con algo máis de 30.000 euros, durante este ano a Sargadelos para que os veciños gocen da piscina da Pía do Loureiro e do Museo Carlos Maside.