O Náutico de Sada xa é cascallo

SADA

Os traballos de demolición continuarán pola eliminación dos sotos

10 novs 2021 . Actualizado ás 20:10 h.

O Náutico de Sada quedou reducido a cascallo. Da estrutura deste inmoble circular, que noutra época albergou un restaurante, xa só quedan cascotes e a parte menos visible, os sotos, que tamén deberán desaparecer. Os traballos de demolición emprendidos este mes acabaron cun edificio polémico e que marcou a vida política do municipio os últimos 20 anos. Converteuse nun símbolo dun cuestionado urbanismo, xa que na súa execución non se respectou a licenza concedida, houbo un exceso de edificación e sentenzas xudiciais confirmaron a súa ilegalidade. Nos últimos tempos e tras ser adquirido polo Concello, seguiu sendo un arma política arreboladiza. Desde a actual oposición, PP e PSOE, defendeuse a posibilidade de darlle outros usos, mentres que para Sadamaioría, o partido que ostenta a alcaldía, só cabía a picaraña para deixar libre ese espazo en primeira liña de costa.

«Comeza unha nova etapa para o noso bordo litoral. É hora de recuperar e poñer en valor a paisaxe da nosa ría, seriamente afectada pola falta de integración do Náutico en plena fachada marítima e na contorna dun BIC como a Terraza. Porque para avanzar cara o futuro é preciso corrixir os graves erros do pasado», indicou o alcalde, Benito Portela, tras o valado do inmoble o día 4 para comezar as obras. «Podemos dicir que a vella loita de Crisanto, exemplo indeleble de decencia e honradez política, e de tanta veciñanza que viu a operación urbanística do Náutico como o que sempre foi, unha agresión inxustificada e inxustificable ao patrimonio común, non caeu no esquecemento. Malia os anos pasados, o Náutico vai caer grazas a todas e cada unha das persoas que mantiveron esa pugna acesa e a memoria esperta. A todas elas, o meu agradecemento», indicou.

O proxecto construtivo do Náutico aprobouse en 1987, xa que o desenvolvemento do paseo marítimo de Sada prevía unha cafetería nunha parcela de 600 metros cadrados. O PP, no goberno naquel momento, decidiu que a xestión fose privada por un período de 75 anos, e a execución, que se fixo en 360 metros cadrados, excedeu o terzo de edificación permitida para a zona. O político nacionalista Manuel Sánchez Pérez, Crisanto, denunciara esta obra en 1990 e fallos xudiciais en distintas instancias déronlle a razón. A concesionaria logrou unha licenza de legalización parcial, pero deixouna caducar. Aínda que se chegou a un acordo plenario para rescindir o contrato á concesionaria por incumprimento, o PP, durante o mandato de Ernesto Anido, optou por adquirilo. O actual executivo local, formado por un tripartito integrado por Sadamaioría, BNG e Alternativa dúas Veciños, selou no seu pacto de goberno a eliminación do inmoble.

Sánchez, en una imagen de archivo cuando era parlamentario
Sánchez, nunha imaxe de arquivo cando era parlamentario SANDRA ALONSO

Antón Sánchez: «Ao meu pai, o tempo estalle dando a razón»

«Estamos de celebración», recoñecía este xoves Antón Sánchez, fillo de Crisanto sobre a desaparición do Náutico aínda que expresaba, con pesar, que «xa se ve cando chega a Xustiza, canto retraso leva». «Creo que cada vez con máis perspectiva o que defendía o meu pai estaba na liña correcta e a que ía vir despois, de respecto á paisaxe, a limpeza democrática fronte a corrupción. O tempo estalle dando a razón, non só co tema do Náutico, senón coas múltiples causas urbanísticas que agora está pagando a cidadanía de Sada e que son herdadas da época do Monchismo», considerou.

«Creo que para Sada é unha moi boa noticia, O Náutico non pintaba nada aí e era un exemplo de pervertir completamente o que é unha institucion pública, que daquela se utilizaa para intereses privados, regalándolle unha parcela fronte ao mar para facer a competencia a hostalaría de Sada e inda por riba cunhas condicións leoninas para o interese público e para a recuperación do que era Sada, da ría e do litoral, iso é unha peza fundamental», estimou Antón Sánchez, que estima que esta actuación «terá continudad para recuperar o bordo litoral». «Teríanos gustado que fose antes», asegura, á vez que «hai que felicitar ao goberno por manterse firme nesa defensa a pesar de que costou moito tempo, pero cando vexamos todos e todas o resultado, que é ver aquelo libre de ese adefesio vaise ver cada día con máis simpatía esta actuación». 

Antón Sánchez colaborou, citando o caso do Náutico, na publicación do número 34 de Cadernos de Estudos Locais da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, centrado na figura do seu pai.  «O 20 de maio deste 2020 fixo 20 anos do pasamento de Manuel Sánchez Pérez, máis coñecido como Manolo Crisanto, nado na Campiña de Lubre (Bergondo) e desaparecido prematuramente tras unha operación cirúrxica en París. Un dos políticos da comarca das Mariñas máis relevantes das últimas décadas do século XX. Desde a  decidimos facer un caderno que nos trouxera de novo á memoria algo da súa vida, do seu traballo político como líder da esquerda en Sada e Bergondo, como sindicalista, como docente, como cidadán, como home bo e xeneroso que foi», indicábase no prólogo dunha publicación que consideraba que Crisanto foi «un home que, coa súa vida e a súa decisiva pegada, sementou honradez, mirada crítica, amor pola xustiza e polos dereitos dos desfavorecidos, valor democrático, e foi clave na transformación da sociedade sadense, en deixar atrás a vella herdanza do franquismo».