A actividade deportiva aumentou en Sada un 47 % o ano pasado

d. v. SADA

SADA

O Concello colaborou en 101 eventos para fomentar a actividade física

15 ene 2020 . Actualizado ás 17:01 h.

A concellaría de Educación e Deportes de Sada fixo balance das actividades deportivas e cifra en 101 os eventos deportivos, nos que colaborou o Concello, o ano pasado. Neste sentido, levaron a cabo disciplinas como patinaxe, salvamento deportivo, fútbol praia, torneos de baloncesto , xadrez, ximnasia artística, judo, dominou, travesías a nado, dual cros, maratóns de fútbol sala, carreiras nocturnas, campus deportivos en varias disciplinas, regatas de vela , exhibición de deportes minoritarios e carreiras atléticas de todo tipo.

Desde Deportes indican que aumentou o 47 % a participación, colaboración e programación de eventos deportivos o ano pasado, un ano no que xa crecera un 38 %.

«Gran parte da culpa destes datos téñena os clubs deportivos de Sada que están a realizar un labor inmenso para potenciar a práctica de diferentes disciplinas deportivas», indicou a concelleira, María Nogareda, que recoñeceu que creceu o número de clubs nos últimos anos e tamén se conseguiu máis fondos para colaborar neste tipo de actividades.

Desde o Concello destácase que hai 28 entidades vinculadas, estritamente, á actividade física no municipio, que moven de xeito regular a máis de 3.000 deportistas e que contan con 5.300 socios, «unha cantidade nada desdeñable para unha poboación de preto de 16.000 habitantes», apuntan.

«As cifras destacan e máis se se ten en conta que non se contabilizan as persoas que optan polas escolas deportivas municipais, as usuarias da piscina, das pistas polideportivas, dos ximnasios privados ou os que adestran de maneira independente sen a cobertura dunha entidade», remarcan desde o Concello.