O Paraxón, de sanatorio abandonado a «showroom»

Paula Mahía Gramajo
Paula Mahía A Coruña

OZA-CESURAS

Sanatorio de Cesuras en el parque de O Paraxón
Sanatorio de Cesuras no parque do Paraxón CÉSAR DELGADO

Cun século de vida e tras varios meses de obras, o vello inmoble de Oza-Cesuras rexorde das súas cinzas

23 sep 2023 . Actualizado ás 12:47 h.

En marzo do 2024 cumpriranse 100 anos desde a primeira presentación deste proxecto inacabado na provincia da Coruña. Os planos desta construción naquel entón eran os dun sanatorio no que ingresarían pacientes con enfermidades respiratorias. O xardín contaba cunha ruta curativa con plantas e árbores medicinais. Con todo, aínda que soe irónico, os xardíns e as súas plantas medicinais enfermaron antes de poder curar a ninguén.

En 1927 tratouse de retomar a obra, pero os fondos non acadaron, e o edificio volveu quedar de novo a medio facer. O recordo que mantiñan os veciños de Oza-Cesuras do Paraxón foi sempre o dun esqueleto en construción. Aínda que hai que recoñecer que os cimentos soportaron anos e anos da historia recente de España. Durante moito tempo o sanatorio estaba ao final da lista das preocupacións das Administracións. Tras unha guerra e unha ditadura, este non era o maior dos problemas a liquidar.

Abandonado como tal, nunca estivo. As paredes eran lenzos en branco para os grafiteros que se coaban nas instalacións, e a súa aparencia desaliñada era digna de películas de terror. Mesmo chegou a funcionar como unha especie de estudio de gravación de filmes pornográficos.

No que ás instalacións respecta, os xardíns sempre estiveron ben coidados. O Concello de Oza-Cesuras fíxose responsable de que, aínda que non se puidese acceder ao edificio, si fose factible aproveitar o bosque que o rodeaba.

«Creemos que para mediados de outubro e principios de novembro os veciños xa poderán acceder ao edificio», explica o alcalde do municipio, Pablo González Cacheiro. Conta que tan só se puido recuperar unha cuarta parte do que era o proxecto inicial, o de 1924, pero os 85.000 metros cadrados que suma a leira xunto co seu amplo xardín, fai deste lugar unha paraxe repleta de vexetación a tan só 20 minutos da cidade.

A idea é crear un espazo para a exposición de proxectos artísticos, así como un estudo fotográfico. «Un showroom», chámao Pablo González. Aínda que están á espera da axuda doutras Administracións para adaptar o soto como albergue para campamentos xuvenís. Por agora, veno como unha oportunidade para que os veciños o gocen: «Supúxonos un esforzo enorme chegar ata aquí». A Xunta puxo da súa parte para poder darlle vida ao edificio. O Concello pretende facer unha xornada de portas abertas no próximo mes para «xustificar e conseguir o financiamento necesario para poder rematar o proxecto xa empezado». Mentres tanto, a leira está aberta ao público e pódese ver o deseño orixinal da fachada do Paraxón.

 Antonio López, o arquitecto encargado da restauración, tratou de manter a estética modernista do edificio dándolle un aire renovado. Unhas escaleiras de caracol soben á primeira planta, desde onde se pode acceder a unha terraza con vistas ao xardín.

Para os que non teñan escoitado falar deste edificio, atópase a poucos metros da casa consistorial de Cesuras . É difícil non atopalo. Os cimentos fanse oco entre tanta maleza, pero sen perder o encanto do bosque que rodea a aquel edificio. «O Paraxón rexorde das súas cinzas», di Pablo González, orgulloso de darlle vida a un dos alicerces fundamentais do municipio de Oza-Cesuras .