O xefe de obra da demolición da casa Carniceiro de Oleiros: «Caía como un castelo de naipes»

C. Devesa A CORUÑA / LA VOZ

OLEIROS

El alcalde de Oleiros entrando en la Audiencia Provincial de A Coruña
O alcalde de Oleiros entrando na Audiencia Provincial da Coruña Marcos Míguez

Na segundo e última xornada do xuízo no que a Fiscalía pide a inhabilitación do alcalde de Oleiros as testemuñas e peritos coincidiron en subliñar que a propiedade estaba destruída

21 may 2025 . Actualizado á 15:36 h.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, volveu sentarse este mércores no banco de acusados da Audiencia Provincial pola demolición do que quedaba da casa Carniceiro o 31 de decembro do 2020. O Ministerio Fiscal pide para o rexedor 12 anos de inhabilitación e 15 meses de prisión por un presunto delito contra o patrimonio histórico, ademais dunha multa de 27.000 euros e unha indemnización ao Concello polo gasto de reconstrución e os case 9.000 euros que custaron as obras. Solicita a mesma pena pera José Luis Jares, arquitecto municipal de Obras Públicas e encargado de acometer a demolición ordenada polo rexedor ante a emerxencia climática e o risco de derrube tras caerse un hastial o 28 de decembro, segundo argumentou. 

Na segundo e última xornada do xuízo, que quedou visto para sentenza, interveu como testemuña Jose Manuel Taibo Lamas, arquitecto técnico e xefe de obra da empresa Construcións López Cao, que indicou que «empezamos a quitar hastiales e aquilo caíase como un castelo de naipes».

O profesional expresou que as ordes eran quitar a partes susceptibles de caer, pero que unha vez comezaron os traballos decatáronse de que nada se sostiña. Sobre os medios utilizados, indicou que levaron «un guindastre con pinza para poder traballar con seguridade e unha máquina escavadora como apoio por se caía algo á estrada recollelo rapidamente». De acordo co seu criterio, os muros retirados non eran susceptibles de ser rehabilitados. «Eran de ladrillo deteriorado». Así mesmo, indicou que de non demolerse, «acabarían caendo». Tamén rexeitou a posibilidade de colocar estadas polo risco para os traballadores que deberían executar a medida. «Polo interior era inviable e desde fóra, pola proximidade da propiedade á estrada, tamén». 

O xefe de obra desa actuación indicou que durante os labores se persoaron dous policías autonómicos, que finalmente se foron polo que se continuou a obra. Preguntado sobre que pasaría se se interrompeu, dixo: «Acabaríase caendo todo». Para Carlos Barbeito Bello, perito arquitecto técnico, profesional de enxeñería e edificación con experiencia en rehabilitación incluso en bienes protexidos, tras o incendio o estado da casa Carniceiro era ruinoso. «Non se podía adoptar outra medida diferente á demoler sen afeccións no tráfico rodado ou na seguridade das persoas», dixo.

Segundo o seu criterio, a decisión tomada foi a máis adecuada para poder intervir nun «período curto de tempo» e sen invadir o vial da N-6, pegado á casa. «O apontoamento non podería facerse porque suporía pór en risco aos obreiros de que lles caese amais un hastial. Sería unha temeridade», indicou. 

O profesional apuntou que tras o incendio «os muros non eran estables, eran imposibles de suxeitar». Tamén rexeitou a medida de suxeitar unha rede, «non impediría a caída de cascotes». En canto aos elementos catalogados e protexidos, indicou que a causa do lume, a casa perdeu «a cuberta e eses elementos» polo que, «é pasto da acción climática». «Eses muros sometidos á auga deterióranse rápido, por iso de verán a decembro, coa sucesión das borrascas intensas nese mes, aumentaron o risco de colapso que era cada vez maior pola exposición climática».

Para este perito despois do incendio de xullo «os elementos protexidos habían desaparecidos» polo que para el, conservar os muros «no seu estado, non achegaba nada ao patrimonio». Sobre a forma de proceder na demolición, sinalou que «debido ao grao de deterioración da propiedade fíxose de forma precisa e coidadosa». En canto aos restos, que a fiscala sinalou «quedaron amontoados», dixo que «non eran rehabilitables, non se pode rehabilitar o que xa non existe. Sería replicar o edificio, aí ou noutro sitio, e cónstame que para iso hai suficiente documentación».

Na sesión tamén declararon Sergio e Diego Rodríguez, dúas dos herdeiros da casa Carniceiro, que manifestaron que as conversacións para de ceder a propiedade ao Concello de Oleiros comezaron no 2019 e ratificaron o interese do alcalde en recuperala para uso público. Tamén apuntaron que, tras o incendio, e ser requiridos por parte do executivo municipal para realizar as medidas de seguridade solicitadas, apontoar, valar e pór unha rede, non o fixeron «por dificultades económicas».  Ante a pregunta da fiscala de que eles solicitaron máis prazo para poder acometer eses requirimentos, responderon que si e que «non obtiveron resposta por parte do Concello».

Na xornada declarou así mesmo a técnico funcionaria de Patrimonio da Xunta María Currás, que foi a encargada de realizar o informe que o Concello recibiu en agosto tras solicitar a incoación do expediente de delaración de ruína da propiedade, danada tras o incendio o 16 de xullo do 2020. No documento, segundo declarou «tomaba coñecemento e lembrábase ou advertía ao Concello que era o responsable de adoptar as medidas de seguridade necesarias». Preguntada por se vía viable as estadas da propiedade, indicou que «tería que ir persoalmente a visitar o edificio, cousa que non fixen».

A funcionaria de Patrimonio tamén sinalou que, de acordo coa lexislación patrimonial de Galicia «calquera intervención nun ben protexido ten que ser autorizada pola Consellería con competencias na materia, segundo o artigo 39».  Este punto foi discutido na sesión, xa que o rexedor de Oleiros declarou a xornada previa que ao non ser un BIC non era precisa a autorización, só a comunicación. Algo que lle indicou, tal e como confirmou este mércores, María do Pilar Celá, como testemuña da defensa, que no momento da derriba era secretaría do Concello de Oleiros.  «Comprobei a lei de Patrimonio e non vin a esixencia de autorizar», declarou Celá, que engadiu: «Eu estaba de vacacións e díxenlles a miña opinión nunha chamada posterior, indiqueille ao alcalde que consultara a lexislación».

Na sesión falaron tamén os dous policías autonómicos que se persoaron o día da derriba na casa  Carniceiro. Dixeron que o fixeron tras ser alertados polo 112 «que recibiu a chamada dun particular que decia que se estaba cometendo unha ilegalidade nunha casa protexida». Vestidos de paisano «por seguridade», persoáronse na propiedade a pedimento do seu superior. Alí, mandaron parar a obra para evitar calquera risco e falaron cun dos obreiros e o alcalde. «Chegou de moi malas formas», apuntou un dos axentes. Finalmente, falaron co arquitecto de Obras Públicas, que lles mostrou nun dispositivo electrónico os papeis da obra. «Foi imposible contactar con Patrimonio polo que nos fomos indicándolles que o que fixesen quedaba baixo se responsabilidade».

As defensas piden a absolución e a Fiscalía a condena por prevaricación

O Ministerio Fiscal na súa petición penal acode á modalidade agravada de prevaricación prevista nos artigos 321 e 322 de prevaricación polos incumprimentos dos artigos 321 e 322 do Código Pena « que sanciona ao funcionario ou autoridade que, a propósito, dita unha resolución inxusta nun asunto administrativo» . Así, considera que o alcalde de Oleiros «omitiu trámites esenciais nun procedemento», a autorización previa da Consellería de Cultura, e «obrou de forma inxusta derrubando un ben protexido patrimonialmente».

Para a Fiscalía José Luis Jares, arquitecto municipal de Obras Públicas, é «cooperador necesario» nese delito. Á normativa anterior engaden na súa petición o artigo 39 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que establece que todas as intervencións en bienes catalogados requiren autorización expresa da Consellería, e entenderase denegada se non se resolve de forma expresa no prazo de tres meses. Ademais, o Ministerio Público alude ao Plan Xeral de Oleiros, nos seus artigos 151 e 153, obriga ao Concello para solicitar informe do organismo competente en protección patrimonial e prohibe expresamente demolicións que afecten á envolvente do edificio.

«Con todo, o alcalde coñecía desde xullo de 2020 —por senllos informes do arquitecto Montero— que non podía autorizar demolicións sen permiso da Xunta; aínda así, o 10 de agosto a Xunta denegou a licenza e, a pesar de iso, o 19 de agosto o alcalde asinou o decreto de aceptación da herdanza dos herdeiros e, de agosto a decembro, non promoveu trámite ningún para asegurar a conservación do inmoble, que quedou sentenciado sen lexítimo proceso», dixo a fiscala.

No seu relatou engadiu que o 1 de decembro, Montero lembrou que «sen autorización patrimonial non poden realizarse obras; o 28 de decembro derrubouse parte da fachada sur, e o 29 de decembro ditouse a declaración de ruína, advertindo que calquera intervención subseguinte ou demolición requiría autorización previa. Aínda con iso, o 30 de decembro o tenente de alcalde, cos mesmos informes, ordenou a demolición e notificouna á Xunta á 14:40 h, fóra de horario laboral e véspera festivo, imposibilitando unha reacción oportuna».

As defensas piden a absolución

Sobre Jares, di que «sen a súa implicación, as resolucións do alcalde non poderían materializarse». Tampouco se respectou a prohibición de demolición esencial, argumenta. «A antiga Casa Carniceiro quedou reducida a entullos e os seus restos deberon ser recollidos para o futuro parque público que xa estaba proxectado. En consecuencia, concorren os elementos obxectivos e subxectivos para tipificar unha prevaricación administrativa agravada: resolución inxusta, coñecemento da ilegalidade, omisión de trámites esenciais e resultado lesivo para un ben patrimonial».

O avogado do alcalde de Oleiros, Manuel Ferreiro, rexeitou na súa exposición final a prevaricación. «Se discutimos as aplicacións da norma estamos é que estamos dentro delas e non hai prevaricación», indicou o letrado, que engadiu: «Aquí hai distintas interpretacións da lei, non se pasou polo arco do triunfo».  Sobre a acusación dun dano ao patrimonio, indicou que «non se pode matar a un morto» e fixo referencia aos peritos que coinciden en que no momento da derriba os elementos protexidos desapareceran.

No seu argumento recorreu a sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo para matizar que «non estamos ante unha propiedade protexida, senón ante ruínas». Insistiu en que tecnicamente a rehabilitación non era posible e en que o alcalde actuou de acordo ao risco.  Sobre o valor patrimonial de casa Carniceiro, sinalou que o rexedor: «Fai o único que pode facer, valar a vía pública e negociar coa familia para adquirir o ben, proceso iniciado antes do incendio». Considera probado o risco real do derrube polas condicións meteorolóxicas. «Se a propiedade quedaba así e caese á vía pública o rexedor estaría aquí sentado por habería algún morto sen que el actuase».

En canto a se era ou non necesaria a autorización de Patrimonio, argumenta que a lei fala sempre de medidas para protexelo, pero non de que facer cando están en ruínas. Polo exposto, pediu a absolución do seu cliente.

A defensa de José Luis Jares subscribiu os argumentos de Ferreiro e fixo fincapé en que a prevaricación non se axusta ao seu cliente «cuxa intervención comezou o día 30 de decembro cando recibe o decreto do alcalde para executar a derriba».  Ademais, insistiu na emerxencia meteorolóxica e en que se procedeu da mellor forma ante o risco. «O detonante foi a caída dun muro o día 28 e a alerta de temporal». Tamén expuxo que a técnica de Patrimonio declarou que non había ningún protocolo ante emerxencias polo que a lei non regula estas situacións.