Os traballadores das piscinas de Oleiros anuncian un preito contra Aqualia

T. S. OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

Piscina municipal de Oleiros
Piscina municipal de Oleiros ATR

Denuncian que as nóminas previstas no prego non se están cumprindo

23 dic 2021 . Actualizado á 09:42 h.

As piscinas de Oleiros están a piques de ser escenario dun tenso conflito laboral. Os traballadores das instalacións de Perillo, Dorneda e Oleiros claman contra Aqualia, a empresa xestora que este mesmo ano renovou a concesión. Acúsanlle de incumprir o prego de condicións en canto ás percepcións establecidas para cada posto de traballo. O contrato co Concello sinalaba que debía aplicarse o IV Convenio de instalacións deportivas e ximnasios de Galicia. Pero os 70 empregados non notaron nas súas nóminas o incremento previsto, e botan en falta uns 140 euros netos ao mes. «Si están cumplindo o convenio, poro non o que pon no prego sobre salarios a subrogar». «Cando llo presentamos por escrito á empresa, dixeron que aí estaban incluídas as horas extras, pero despois, que se era unha estimación do que iamos cobrar no 2030, respostas sen sentido», sinalan varios traballadores destes recintos municipais, quen tamén agardan unha reacción do Concello que non acaba de chegar.

O 10 de novembro presentaron o seu problema por rexistro. «O Concello limitouse a dicir que non é o seu problema, pero ter así a 70 traballadores non é de recibo. O principal culpable é a empresa, pero o Concello foi quen redactou o prego de condicións e ten que facer que se cumpra, se non cambian isto acabaremos indo á folga», sinala Rubén Durelo, representante sindical.

Doutra banda, ademais de Aqualia, á oferta só se presentou unha empresa vasca que finalmente se retirou da poxa. Algúns traballadores consideran que vistos os pregos non lles daba unha marxe ampla de beneficio, «porque sabían o que tiñan que pagar por posto de traballo». Este ano estreouse un novo sistema de licitación nos centros deportivos de Oleiros. Incluía unha fase de previa de «interese polo servizo», para logo optar á oferta. A compaña vasca non pasou da primeira. 

Fontes de Aqualia sinalan que «se cumpre escrupulosamente o IV Convenio de Instalacións Deportivas e Ximnasios de Galicia, redactado pola Xunta, non existindo ningunha perda de remuneración económica por parte dos traballadores». La Voz de Galicia tamén pediu, sen éxito, a opinión do alcalde.