A oposición únese para pedir explicacións sobre a demolición da casa Carniceiro de Oleiros

La Voz OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

carnicero
MARCOS MÍGUEZ

O Concello procedeu ao derrumbe o día de Noitevella e sen previo aviso

11 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O último día do 2020 despediuse de Oleiros cunha sorpresa para os seus veciños, a emblemática casa Carniceiro, obra do arquitecto Rafael González Villar -que a deseñou en 1916 para o industrial coruñés retornado de Cuba, Enrique Carniceiro- quedaba reducida unha chea de cascallos. O seu polémico incendio no mes de xullo levantou bochas pero foi a súa demolición, encargada polo goberno local, o que está a xerar máis malestar no municipio.

«Non se pretendeu en ningún momento apontoar e garantir a seguridade das paredes da casa tras o incendio, tampouco presentar o plan de rehabilitación demandado por Patrimonio. Para isto, o señor alcalde dispuxo dun prazo de 5 meses», reprocha o grupo do PP municipal. Acusan o executivo de Ángel García Seoane de «proceder á demolición dos restos do inmoble en contra da lei e sen ter os permisos oportunos, impedindo toda opción de rehabilitación». Por este motivo, os catro grupos da oposición no consistorio decidiron unir as súas forzas.

Pleno extraordinario

O PP de Oleiros, o PSdeG, o BNG e Cidadáns emitiron un comunicado conxunto no que esixen a celebración dun pleno extraordinario no que se aborden as causas e circunstancias que levaron á demolición do icónico inmoble. As obras realizáronse a pesar de que a Consellería de Cultura asegurou que «non contaron con autorización». O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia advertiu que a casa «non se axusta aos procedementos da Lei de Conservación do Patrimonio, que contemplan a obriga de estabilización do elemento a conservar».