Toni Ripoll: «Véxome traballando ao nivel dunhas Olimpíadas»

La Voz

OLEIROS

Ten claro o seu futuro no deporte. E non é para menos xa que con 17 anos acaba de proclamarse campión de Europa de vela na clase 420

20 ago 2019 . Actualizado ás 10:19 h.

É un mozo tranquilo, incluso algo tímido, pero Toni Ripoll (Oleiros, 2002) saca carácter cando ten que loitar por un podio Ese espírito competitivo permitiulle o pasado mes de xullo proclamarse subcampión de Europa júnior de vela na clase 420, xunto co seu compañeiro de embarcación, o arousán Jacobo García. De caste vénlle ao galgo, xa que o seu pai é unha das referencias en vela lixeira a nivel internacional e adestrador de campións olímpicos.

-Sendo fillo dun dos máis laureados adestradores de vela de España comezaches moi nova a practicar este deporte. Aos 9 anos.

-Sempre tiven o exemplo do meu pai e recordo a vela desde pequeno. Pero comecei en serio, con regatas, aos 9 anos.

-Practicaches multitude de deportes: fútbol, pádel, hockey, tenis... Por que ao final che decantaches pola vela?

-Un sempre quere ser como a persoa que admira e, ademais, paréceme o deporte máis completo. Encántame.

-Que ten a vela que non teña outra modalidade deportiva?

-Ademais dun físico preparado necesitas técnica, táctica. Podes planificar o desenvolvemento dunha regata, pero hai factores moi cambiantes, como o vento, e tes que saber reaccionar aos problemas que aparecen con rapidez. E iso non é nada doado.

-Jacobo e ti non facedes máis que sumar éxitos ao voso palmarés. O ano pasado proclamástesvos campións do mundo e de Europa sub 17. Este ano, sextos do mundo. Non está mal... Vesche nas Olimpíadas?

-Bo, creo que esa é a meta de todos os deportistas de vela lixeira. Pero queda moito traballo. Sen dúbida, o meu plan A de vida é dedicarme á vela. E véxome traballando ao nivel que esixe unhas Olimpíadas.

-O mar é cambiante, perigoso... Algunha vez vístesvos en situacións comprometidas?

-Con este tipo de barcos non se producen moitas situacións de perigo, porque non son moi grandes. O único, unha vez que envorcamos e Jacobo sufriu un corte na perna co achicador automático. Atravesou cinco centímetros de neopreno.

-Que tal se compatibiliza o estudo cos adestramentos no Centro de Alto Rendemento de Pontevedra?

-Moi ben. Nótase moito a diferenza. Hai moitas facilidades. Adoitamos adestrar en Vilagarcía.

-Mellor que en Oleiros?

-Si, mellor. En Vilagarcía sempre hai vento e en Oleiros non tanto. De todos os xeitos, en función da zona onde tangamos que competir ás veces vimos adestrar á Coruña polas ondas.