Micromecenazgo desde Perillo para comprar unha traiñeira

D. V. OLEIROS

OLEIROS

D. V.

O equipo feminino do Club de Regatas quere adquirir unha embarcación de segunda man para poder competir

17 abr 2019 . Actualizado ás 19:18 h.

«Somos o equipo feminino do Club Regatas Perillo e necesitamos unha traiñeira». Así comeza o vídeo da campaña de micromecenazgo de Goteo #remandoxuntas coa que pretende buscar apoio para conseguir os 16.000 euros que lles vale unha embarcación de segunda man, xa que asumen que os 35.000 euros que custa unha nova é imposible de asumir. As deportistas explican que adestran cunha traiñeira que ten máis de 25 anos, «que leva moito andado», pero que está obsoleta e coa que quedan lonxe dos equipamentos que teñen os seus rivais. «Queremos seguir mellorando e para iso necesitamos un barco máis competitivo», sinalan, marcándose como reto lograr conseguir a bandeira da Concha .

Necesitan un mínimo de 6.000 euros para levar a traiñeira a Perillo e acadar os 16.000 para poder adquirila e adestrar todo o ano. Ata o momento, lograron xa 86 cofinanciadores que achegarían máis de 5.200 euros e contan aínda con máis dun mes de prazo para lograr o seu obxectivo.

Remarcan que o Club de Regatas Salgado Perillo de Oleiros foi fundado en 1970 e foi dos pioneiros no remo feminino en Galicia e agora ten un equipo de máis de 20 remeiras que «dedican todas as súas ganas e ilusión a que este proxecto saia adiante»