A rexeneración do espazo dunar da praia Grande de Miño entra na recta final

D. Vázquez MIÑO

MIÑO

C.M.

Esta semana iniciouse o acabado do firme peonil perimetral

23 may 2024 . Actualizado á 13:20 h.

A regeneración da praia Grande de Miño avanza a bo ritmo e vanse cumprindo todos os prazos para que o areal, un dos principais atractivos turísticos do municipio, estea operativo e en perfectas condicións para a tempada de verán. O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e outros membros do goberno local, acompañaron ao xefe da Demarcación de Costas, Carlos Gil, na súa visita para comprobar o correcto desenvolvemento dos traballos, impulsados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

O proxecto supón un investimento de 1.720.506 euros para financiar esta obra que busca, por unha banda a recuperación e rexeneración deste espazo, así como a protección do ecosistema dunar con pasarelas de acceso. A actuación xa se atopa nas súas últimas fases.

O Concello destaca que esta semana se iniciaron os traballos para executar o novo acabado do firme do paseo peonil perimetral, que será de jabre-cemento. Previamente levouse a cabo a integración do terreo do antigo campo de fútbol na marisma, a instalación un novo acceso ao posto de socorrismo e a eliminación das plantas invasoras que afectaban negativamente o ecosistema dunar. «Este bo grao de execución, cumprindo cos prazos previstos, practicamente garante que o areal estará dispoñible para o comezo da tempada de verán, unha vez completada a recuperación ambiental de todo o espazo e a mellora da accesibilidade en todas as zonas do areal», precisan desde o Concello.