Foxe monte a través en Miño tras chocar contra un coche no que un neno fracturou as pernas

T. Silva MIÑO / LA VOZ

MIÑO

Accidente en Bemantes
Accidente en Bemantes Atr

A muller, que reapareceu minutos despois, non tiña seguro nin pasara a ITV. Deu positivo no test de alcol e drogas

30 dic 2023 . Actualizado á 11:57 h.

Unha muller chocou na noite deste xoves en Miño contra outro vehículo onde viaxaban un pai e un fillo. Froito da colisión frontal, o neno, de 9 anos, tivo que ser evacuado a un hospital con ambas as pernas fracturadas. Os feitos ocorreron pasados uns minutos das nove da noite na AC-160, no núcleo de Bemantes, moi preto do centro urbano de Miño. Lonxe de interesarse polo estado dos ocupantes do Hyundai, a condutora do Mini escapou do lugar monte a través. O ruído do impacto alertou aos veciños, que presenciaron a escena. Os primeiros en chegar, alertados polo 112 ao que chamara o pai do neno, foron os membros de Protección Civil de Miño, que prestaron os primeiros auxilios e regularon o tráfico. Tamén acudiu unha patrulla da Garda Civil de Tráfico. Tempo despois, a muller reapareceu onda os vehículos e, ademais de encaixar unha reprimenda dos axentes, foi sometida a varios test para comprobar se consumira alcol ou drogas, e en ambos os casos guindaron senllos positivos. O Mini da muller non ten o seguro en vigor e está fóra de prazo na revisión da ITV. Froito desta circunstancia, non puido ser asistido por un guindastre que o retirase do medio da calzada, o que impediu que o tráfico non se restablecese ata a unha da madrugada. «Ao final, o guindastre que asistiu ao Hyundai axudou a apartar ao outro coche da calzada», sinalou unha testemuña do accidente.