Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

«É un exemplo de que a innovación e o aproveitamento dos recursos locais poden xerar valor engadido e emprego no rural galego», indica Formoso sobre Inleit

La Voz

CURTIS

Visitou a factoría de Curtis e destacou o «pulmón económico e loxístico que supón o polígono de Teixeiro»

06 may 2025 . Actualizado á 16:37 h.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, aproveitou a súa visita a Curtis, onde foron recibidos polo alcalde, Javier Caínzos, e membros da corporación local, para visitar as instalacións da empresa Inleit Ingredients, situadas no polígono industrial de Teixeiro. Acompañado do director comercial corporativo, Borja Alba Gómez de la Vega, do director da planta, Juan Cordoníe, e da directora de mercadotecnia, Verónica Salgado, Formoso coñeceu a actividade desta industria dedicada á produción de proteínas lácteas e emprega a unhas 200 persoas de forma directa.

Durante a visita, o presidente da Deputación destacou que a empresa «é un exemplo de como a innovación e o aproveitamento dos recursos locais poden xerar valor engadido e emprego no rural galego. A súa aposta pola transformación do leite galego en produtos de alto valor nutricional sitúa a Curtis e a Galicia na vangarda da industria», afirmou Formoso, que sinalou tamén «o pulmón económico e loxístico que supón o polígono de Teixeiro, onde se asenta unha industria puxante e diversificada»

Inleit Ingredients, filial galega de Lácteos Industriais Agrupados (Liasa), iniciou a súa actividade en 2020 en Teixeiro, nunha fábrica de máis de 30.000 metros cadrados onde conta con diferentes instalacións dedicadas á elaboración e transformación de leite, producindo proteína láctea. A planta conta cunha capacidade para procesar unha media de 1.150.000 litros de leite diarios, o que supón tratar 420 millóns de litros ao ano. A empresa traballa en estreita colaboración con granxas seleccionadas de Galicia, que lle fornecen leite fresco diariamente. 

Formoso concluíu a visita sinalando «proxectos como o de Inleit demostran que é posible combinar tradición e innovación para crear un futuro sostible e próspero para o noso rural. Desde a Deputación seguiremos apoiando iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico e social dos nosos concellos».

Na súa visita a Curtis, o presidente da Deputación analizou cos membros da corporación os investimentos realizados pola institución provincial no municipio, así como as necesidades e demandas de futuro.

Formoso destacou o compromiso da Deputación na mellora das infraestruturas e servizos municipais de Curtis, que se traduciu nun investimento global de 13,5 millóns de euros na última década. Deles ao redor da metade, 5,5 millóns de euros, foron canalizados a través do Plan Único, que permitiu executar 46 obras no municipio, centradas maioritariamente na mellora de vías municipais, de accesos a zonas rurais e de dotación de servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga.

«O Plan Único é hoxe unha ferramenta clave para o desenvolvemento dos concellos, especialmente os de menor tamaño, e este ano conta co maior orzamento da súa historia, cun incremento do 72% na achega inicial de 2025. Isto supón que Curtis pasa dunha achega a inicial de 476.000 euros o ano pasado a 813.643 euros en 2025, unha cantidade que se incrementará ao longo do ano con aportacións adicionais», explicou o presidente provincial.

Pola súa banda, o alcalde de Curtis agradeceu o apoio da Deputación para mellorar as infraestruturas e servizos municipais e para a creación de centros de referencia como o Museo Etnográfico ou a Casa Museo de María Antonia Dans. Trasladou tamén ao presidente distintas necesidades de mellora en estradas de titularidade provincial.

Formoso, Fernández e Caínzos supervisaron posteriormente ningunhas das obras executadas con cargo ao Plan Único, como a mellora do camiño dos Martiños-cruzamento a Herdeira ((actualmente en execución cun presuposto de 234.950 euros) ou a ampliación do camiño Mascoto-Boipardo, en Fisteus, xa finalizada, cun investimento de 125.512 euros.

Outro dos programas provinciais que tivo un impacto importante no municipio foi o Emprego Local (PEL), con achegas por importe de 2 millóns de euros que permitiron crear 59 empregos no sector público e privado. En total, foron concedidas 203 axudas no marco deste programa en Curtis, a maioría delas para apoiar a autónomos e pemes locais, que se destinaron a creación de empregos e investimentos para mellorar a produtividade dos pequenos negocios.

Caínzos aproveitou o encontro para pedir que se aceleren os trámites de expropiación e licitación da mellora da  CP-3201, así como a súa ampliación ata a intersección coa N-634, a renovación de beirarrúas e valado lateral na C.P-3202, o arranxo do firme na C.P-3204, e «a necesidade de actuacións de mantemento e posta en valor do Centro Etnográfico, tanto no edificio como na contorna».