Pesar en Culleredo polo falecemento de José Antonio Justo Domínguez, un dos fundadores de Protección Civil no municipio
CULLEREDO
O home, que tiña 67 anos, foi traballador do servizo municipal de emerxencias ata o ano pasado
01 feb 2025 . Actualizado á 17:54 h.O Concello de Culleredo mostra o seu profundo pesar polo falecemento de José Antonio Justo Domínguez este sábado. O home, que tiña 67 anos, foi traballador do Servizo Municipal de Emerxencias ata o pasado abril e un dos fundadores da agrupación de voluntarios de Protección Civil.
Xusto foi unha das persoas que conformou ese grupo de voluntarios no ano 2000, sendo ademais o responsable das campañas contra incendios forestais do Concello cullerdense ata o 2008. Desde ese ano e ata o 2015 desempeñou a xefatura de Protección Civil.
No 2008 este veciño, moi querido no municipio, ingresou no Servizo Municipal de Emerxencias, onde desempeñou as súas funcións ata a súa xubilación, o pasado mes de abril. O Concello de Culleredo destaca o gran traballo que desenvolveu Antonio «nun servizo público esencial de seguridade e asistencia á cidadanía, atendendo incidencias de todo tipo cunha enorme dedicación».
Desde o goberno local transmiten as súas condolencias e ánimos á familia e persoas próximas en nome da cidadanía de Culleredo.