Inés Rey presentou en Niza o modelo da Coruña Marítima ante líderes de máis de 30 cidades do mundo

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

cedida

Durante o cume internacional sobre resiliencia costeira, a alcaldesa tamén asinou o Pacto dos Océanos e a declaración para constituír a coalición global de cidades fronte ao cambio climático

07 jun 2025 . Actualizado á 22:14 h.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este sábado no foro global Ocean Rise & Coastal Resilience Summit, un evento organizado polas Nacións Unidas e celebrado na cidade francesa de Niza, en colaboración cos gobernos de Francia e Costa Rica, no marco da Conferencia sobre os Océanos (UNOC3). Rey, a única representante institucional española presente, interveu no panel internacional Ports, Cities and Regions: United for Coastal Resilience, xunto con responsables doutros portos e cidades costeiras de referencia mundial como o concelleiro de Durban, Thabani Nyawose; o xefe de sustentabilidade do porto de San Diego, Jason Giffen; o alcalde de Cotonou, Luc Atrokpo; o alcalde de Mamoudzou, Ambdilwahedou Soumailia; e o senador do estado de Rhode Island (EE.UU.), Sheldon Whitehouse.

Durante a súa intervención, Rey presentou o proxecto Coruña Marítima como un modelo pioneiro de transformación do bordo litoral «sostible, resiliente e con identidade propia». Explicou que esta iniciativa nace dunha colaboración institucional «sen precedentes», coa implicación de todas as administracións competentes, co obxectivo de garantir a titularidade pública dos terreos e avanzar cara a un novo modelo urbano.

A alcaldesa sinalou a resiliencia climática como un dos piares fundamentais da proposta, xunto coa participación cidadá, tras un proceso no que se recolleron máis de 700 achegas, incorporadas na súa maioría ás bases estratéxicas do proxecto.

Máis de 30 organizacións territoriais invitadas

A Coruña foi a única cidade española invitada a intervir neste foro global que reuniu a líderes de máis de 30 cidades, rexións costeiras e estados insulares de todo o mundo: «Estar aquí representa un recoñecemento ao traballo que estamos facendo para construírmos unha cidade máis preparada fronte ao cambio climático e máis conectada co seu mar», declarou a rexedora.

Inés Rey concluíu lembrando a importancia da gobernanza compartida, o valor dunha participación cidadá real e a compatibilidade entre resiliencia climática e identidade local. «Esta experiencia pode servir de inspiración para moitas outras cidades costeiras que buscan construír un futuro máis sostible sen renunciar ao que son», afirmou.

No marco da conferencia, a alcaldesa asinou o Pacto dos Océanos e unha declaración para a conformación dunha coalición global de cidades fronte ao cambio climático, o aumento do nivel do mar e a adaptación costeira.

Encontro de alcaldesas

Inés Rey tamén tivo a oportunidade de saudar á alcaldesa de Nova Orleans (Estados Unidos), LaToya Cantrell, e de manter un encontro de traballo coa alcaldesa de Valparaíso (Chile), Camila Nieto, co obxectivo de explorar un marco de cooperación entre as cidades en áreas crave como a sustentabilidade, o desenvolvemento urbano e a gobernanza porto-cidade.

O cume Ocean Rise & Coastal Resilience Summit contou coa participación de líderes institucionais de gran relevancia internacional, o que reforzou o carácter político e estratéxico do encontro. Entre eles destacaron o ex secretario de Estado dos Estados Unidos, John Kerry; a alcaldesa de Nova Orleans, LaToya Cantrell; a vicealcalde de Santa Cruz, California, Shebreh Kalantari-Johnson; o tenente de alcalde de Venecia, Massimiliano De Martin; a alcaldesa de Valparaíso, Camila Nieto; e o alcalde de Salvador de Baía, Bruno Reis, xunto co anfitrión do evento, o alcalde de Niza, Christian Estrosi.

Tamén participaron representantes de gobernos nacionais, como o primeiro ministro de Tuvalu, Feleti P. Teo; o ministro de Medio Ambiente e Enerxía de Costa Rica, Franz Tattenbach Capra; e a ministra francesa de Transición Ecolóxica, Agnès Pannier-Runacher.