
Profesionais de saúde mental do Chuac orientan a docentes de bacharelato e FP sobre os primeiros síntomas de alerta
16 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Profesionais do programa de primeiros episodios psicóticos da área sanitaria da Coruña e Cee, que se inaugurou en outubro do 2024, reuniuse este xoves no Hospital Abente e Lago cun grupo de educadores de centros de bacharelato e Formación Profesional da Coruña para unha sesión informativa e de orientación.
No encontro ofreceron varias claves as profesionais do equipo: a psiquiatra e coordinadora, Eva Fontela Vivanco, a psicóloga clínica Inés Bello Pombo, a enfermeira especialista en saúde mental, Belén Maside Oliete, e a traballadora social Nuria Valiño, ademais de dous residentes de psiquiatría e psicoloxía clínica.
A idea de convocar os centros educativos xurdiu coa intención de responder as dúbidas ou necesidades da comunidade educativa na abordaxe destes casos no ámbito do ensino, dado que a franxa de idade dos 16- 25 anos é de especial vulnerabilidade para o debut dos primeiros episodios e dos síntomas previos relacionados con estes trastornos de saúde mental.
Detección temperá
O obxectivo da sesión foi dobre, xa que por unha banda se trataba de dar a coñecer as claves de que é a psicose e os primeiros síntomas de alerta e, ademais, trasladar aos profesionais da educación que a detección e a abordaxe precoz son factores relevantes, xa que determinan o prognóstico e evolución da patoloxía.
Paralelamente, o encontro serviu tamén para establecer ligazóns de comunicación, xa que naqueles pacientes aos que, tras o inicio da psicose, realízaselles seguimento neste programa de saúde mental, é importante poder facilitar a coordinación entre os centros educativos e os profesionais sanitarios co fin de mellorar a orientación en función das circunstancias dos alumnos-pacientes.
Nesta sesión convocouse a docentes e orientadores de distintos centros educativos do municipio da Coruña, ao redor dunha trintena de profesionais.
Desde o equipo do programa de primeiros episodios psicóticos do Chuac a intención é analizar os resultados para intentar dar continuidade a esta iniciativa e levar a cabo máis charlas dirixidas a persoal de centros educativos doutros concellos da área sanitaria.