
Adalberto Robles García, do Servizo de Emerxencias Municipal de Oleiros, participou na Subida Vertical Gran Hotel Bali, en Benidorm
01 may 2025 . Actualizado á 17:30 h.No Servizo de Emerxencias Municipal de Oleiros están de parabén. O pasado sábado 26 de abril, un dos seus membros, Adalberto Robles García, participou na Subida Vertical Gran Hotel Bali, que se celebrou en Benidorm.
Ao redor de 700 deportistas de toda España sumáronse á esixente competición, e Adalberto fíxoo na categoría Open Bomberos representando o parque oleirense.
A proba consistiu nada menos que en subir as 924 escaleiras do edificio de 52 plantas desde o vestíbulo, vestido co pesado traxe de intervención de incendios e co equipo de respiración autónoma ás costas, uns 18 quilos a maiores en total. Pois ben, fíxoo en nove minutos e quedou no posto 24 do ránking entre os 120 que se atreveron coa fazaña.