Por un baloncesto na Coruña sen medo

Elena Silveira
Elena Silveira A Coruña

A Coruña CIDADE

MIGUEL MIRAMONTES

Xogadores do Leyma Coruña participaron nunha actividade na praza de San Pablo, onde hai máis de dúas semanas acoitelaron a un mozo

22 feb 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O pasado día 18, o Leyma Coruña venceu ao COB por 70-80, logrando así a quinta vitoria consecutiva e décimo cuarta da tempada. Houbo festa na bancada tras o derbi cos ourensáns. Pero esta semana, coincidindo co martes de entroido, o equipo tamén quixo facer promocionar a súa boa serie, aínda que sumando á celebración unha causa reivindicativa: denunciar a violencia e pedir que sucesos como os acaecidos na praza de San Pablo o pasado 5 de febreiro non se volvan a repetir.

Ese día, un mozo de 18 anos que estaba a xogar ao baloncesto cuns amigos, recibiu unha puñalada e tivo que ser trasladado ao Chuac en ambulancia. Ao parecer, un banda formada por uns 15 adolescentes, algúns co rostro tapado, colléronlles un balón e empezaron hostigarlos con insultos e ameazas. Vendo que a violencia era cada vez maior e a situación descontrolábase, os que xa estaban na cancha decidiron irse, pero os agresores perseguíronos ata a rúa Sinfónica de Galicia, no cruzamento con Juan Flórez, onde acadaron a un, a quen lle cravaron unha navalla entre o fígado e o estómago. A outro o golpearon e propináronlle puñadas, antes de darse á fuga.

Aínda que o Leyma Coruña xa tiña prevista con anterioridade ao suceso esta xornada de baloncesto na rúa, desde o club indicaron que despois de ese incidente, o enclave para realizar dita actividade cobra aínda máis sentido: «Con máis razón debemos desenvolver alí a actividade». E engadiron que queren que as prazas da Coruña «sexan un lugar seguro para que os nenos e mozos da nosa cidade poidan xogar e gozar do deporte, sen medo».

A cita comezou sobre as 16.30 e prolongouse ata as 19.00. Incluíu concursos de tiro, habilidades, 3x3, xogos e a presenza dos xogadores do primeiro equipo do Leyma Coruña, que non pararon de asinar autógrafos en camisetas, brazos e, mesmo, balóns.