Unha atípica San Silvestre volve despedir o ano na Coruña

T. R. A Coruña

A Coruña CIDADE

Os corredores tiveron que completar o percorrido con máscara e sen o apoio do público, dúas medidas impostas para tratar de frear o avance da pandemia. Nasr Bouchaib, en categoría masculina, e Karina Callón, en feminina, foron os vencedores da proba

01 ene 2022 . Actualizado ás 23:19 h.

A Coruña volveu despedir o ano co seu tradicional San Silvestre, unha proba na que se proclamaron vencedores Nasr Bouchaib, do CD Arzúa, cun tempo de 21 minutos e 42 segundos e Karina Callón, do CA Sada, cun crono de 26 minutos e 28 segundos. 

A situación derivada do covid obrigou a establecer certas limitacións que impediron bater a marca de participación do 2019, pero aínda así, 4.000 corredores chegados de diversos puntos do país e tamén estranxeiros participaron nesta duodécima edición marcada polas máscaras e a ausencia de público, dúas das medidas impostas para tratar de frear o avance da pandemia.

Un total de 1.656 corredores eran foráneos, a maioría pertencentes a outras comunidades autónomas como Madrid, Navarra, Cataluña ou País Vasco, pero tamén había participantes dunha vintena de países, desde Estados Unidos a Bielorrusa, pasando por Venezuela, México, Arxentina, Francia ou Alemaña.

A San Silvestre partiu desde O Parrote, percorreu a Marina ata Juana de Vega para acadar o paseo marítimo e volver ao momento de partidea.Un percorrido de 7.250 metros común para os maiores de 11 anos. Houbo dúas probas infantís tamén, un para os nenos de 7 e 8 anos nun circuíto pechado de 350 metros e outra para os de 9 e 10, de 500 metros.

Vertente solidaria

Do mesmo xeito que en anos anteriores, a proba mantén o seu carácter solidario, co apoio a dous proxectos. Por unha banda, recolléronse alimentos para a Cociña Económica, pero tamén serviu para colaborar co proxecto Reyes Magos de verdade, no que se recollen cartas de nenos e maiores para que quen desexen colaborar poidan converterse en paxes das súas Maxestades de Oriente para levar agasallos e sorrisos a quen máis o necesitan. Quen queiran colaborar poden facelo apuntándose na páxina web www.reyesmagosdeverdad.org.