A Coruña acollerá a III Semana do Cinema Galego, os Mestre Mateo e o XI Premio José Sellier no 2022

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

Imagen de archivo de los premios Mestre Mateo
Imaxe de arquivo dos premios Mestre Mateo CEDIDA

Tamén se desenvolverán unhas xornadas destinadas a profesionais do sector audiovisual

14 dic 2021 . Actualizado á 16:48 h.

A Academia Galega do Audiovisual e o Concello da Coruña presentaron este martes as actividades que desenvolverán no 2022, entre as que destaca a III Semana do Cinema Galego, que chegará en marzo con novas temáticas. A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, apostaron por seguir traballando de forma conxunta para consolidar á Coruña como a cidade de referencia do sector audiovisual, «o epicentro do audiovisual galego». Esta colaboración articularase no ano no que a Academia celebra o seu vixésimo aniversario, ao redor de catro actividades: o vinte aniversario dos Premios Mestro Mateo, a terceira edición da Semana do Cinema Galego, o XI Premio José Sellier e a celebración dunhas xornadas destinadas a profesionais do sector.

A III Semana do Cinema Galego ampliará a súa programación con novas temáticas, para novos públicos e duplicará as xornadas de duración con respecto á anterior edición. Para o presidente da Academia, o obxectivo para este evento é claro: «situarse no mapa de citas audiovisuais no ámbito estatal».

Por outra banda, o próximo ano cúmprense 125 anos dun momento histórico: a rodaxe das primeiras películas rodadas en España a cargo de José Sellier Loup, quen, en maio de 1897, filmou na Coruña con cámara Lumière as pezas Orzán, oleaxe; Praza de Mina e Fábrica de Gas. A Academia entrega un premio que leva o seu nome e recoñece iniciativas destacables para o sector audiovisual galego, que celebrará a súa undécima edición o ano que vén. Respecto aos Mestro Mateo, a XX edición dos premios será «un dos proxectos centrais da Academia e o Concello no 2022» cun cambio de formato na gala «que buscará sorprender», remarcou Pérez Becerra.

A celebración terá lugar o próximo 19 de marzo en Expocoruña, un novo recinto para unha nova experiencia dos premios cos finalistas das distintas categorías sentados en mesas ao redor dun escenario, cun formato similar ao doutras populares entregas de premios como os Globos de Oro ou os Premios Feroz. A Coruña acollerá así «os primeiros premios convocados por unha das Academias da península neste formato». Por outra banda, ao finalizar o ano terán lugar unhas xornadas profesionais que buscarán ser un punto de referencia para profesionais de todo o Estado. «Queremos situar á cidade no lugar que merece no panorama audiovisual español e europeo, e facelo tamén desde a óptica das e dos profesionais», indicou Álvaro Pérez Becerro.