Solemne apertura do curso

Por Xosé Alfeirán

A Coruña CIDADE

EDUARDO PEREZ

En 1862 inaugurouse o Instituto A Coruña en Herrerías cun discurso maxistral ante autoridades e alumnos

16 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Era a tradición. Facíase nas Universidades e estendeuse á educación secundaria coa progresiva creación, a partir de 1835, da rede pública provincial de institutos. Estaba regulada polo Goberno que, en diferentes regulamentos, especificaba as normas ás que se debía suxeitar. Neles indicábase que o 16 de setembro celebraríase a solemne apertura do curso escolar, que esta debía ser pública e a ela asistirían autoridades, profesores -cos seus correspondentes togas, birretes, insignias de graos académicos e luvas brancas-, e alumnos, pronunciando un discurso o director ou o catedrático encargado.

Na Coruña, aínda que xa desde 1847 existiu un colexio de segundo ensino privado (é outra historia), non se contará cun instituto público ata 1862. Ese ano, o sempiterno 16 de setembro na cidade aínda non había instituto. Con todo, co patrocinio do Concello e de particulares, conseguiuse, a comezos de novembro, o diñeiro para comprar o local: o palacio de Camarasa da rúa Herrerías (onde está hoxe o CEIP Cidade Vella). Obtido o edificio, autorízase a súa creación e apertura por Real Orde do 13 de novembro. O proceso foi rápido.

O 20 abriuse o prazo de matrícula, cuxo custo eran 60 reais. Para o curso 1862-63 só se ofertaron os catro primeiros anos do segundo ensino, que constaba de seis. Para inscribirse en primeiro esixíase ter cumprido os 10 anos e ser aprobado nun exame sobre coñecementos de primeiro ensino elemental. As materias que se cursarían en primeiro eran Gramática latina e castelá, Doutrina cristiá e Historia sacra e Principios de Aritmética. En segundo ano, Gramática latina e castelá, Nocións de Xeografía descritiva e Principios de Xeometría. En terceiro, Exercicios de análises e tradución latina e rudimentos de lingua Grega, Nocións de Historia xeral e particular de España, Aritmética e Álxebra ata ecuacións de segundo grao. En cuarto, Elementos de retórica, poética e composición castelá e latina, Exercicios de tradución de lingua grega, Elementos de Xeometría e Trigonometría rectilínea. Era o programa establecido pola Lei Moyano de educación de 1857, de carácter conservador.

A inauguración solemne realizouse o 1 de decembro. A ela asistiron as autoridades militares, co capitán xeral á fronte, o alcalde, a xunta provincial de instrución pública, o profesorado do instituto, alumnos e numerosa veciñanza. O discurso realizouno o sevillano Carlos Muñoz Barroso, director do centro e catedrático de Economía Política da Escola de Comercio. O seu discurso, publicado na revista Galicia, de carácter histórico-erudito, versou sobre a evolución da instrución pública en España desde a época dos celtas e iberos ata o presente e rematou co clásico «Dixen».

Ese ano, as clases non empezaron na cidade ata decembro