«A venda ambulante e o comercio sitúanse en planos diferentes»

La Voz

A Coruña CIDADE

Laura Suárez, profesora de Socioloxía na UDC, considera que o armazón legal que se atopan os emigrantes ao chegar abócaos a vivir nunha irregularidade administrativa

28 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Normalizar fronte a criminalizar. A docente da facultade de Socioloxía Laura Suárez Grimalt aposta pola divulgación como ferramenta de convivencia. 

-É inevitable que xurdan friccións entre a poboación local e a migrante?

-Sempre deberían ser evitables. Asimilar a figura das persoas migrantes co top manta fomenta a proxección de imaxes negativas. Deberiamos ser capaces de separar un feito como é a venda ambulante dun fenómeno como a migración.

-Teñen máis opcións? É dicir, poden competir nas mesmas condicións?

-Se todos nós nos atopásemos en condicións de equidad e igualdade reais, non sería necesario establecer un debate sobre o impacto da participación das persoas migrantes nun mercado secundario. Desde o momento en que esta situación ideal de igualdade real non existe, non hai lugar a falar de competencia. A venda ambulante e o comercio local sitúanse en planos diferentes. Constitúen mercados diferenciados. Non se trata, xa que logo, de ter máis ou menos opcións, se non de mobilizar os recursos que cada individuo ten ao seu alcance para saír adiante.

-E os locais, se o seu negocio se ve resentido, que poden facer?

-Calquera persoa que se senta prexudicada pola venda ambulante debería solicitar respostas institucionais. As persoas migrantes son a cara visible dun mercado de proporcións moito maiores.

-As migracións de países desfavorecidos ou subdesarrollados, con que dificultades atópanse á hora de traballar en Galicia e en cidades como A Coruña?

-As persoas migrantes enfróntanse a situacións de irregularidade administrativa que dificultan a formalización de contratos laborais. A vulnerabilidade e precariedade na que se atopa este colectivo débese en gran parte ao armazón legal que os aboca a vivir nunha irregularidade administrativa e nunha ilegalidade que os exclúe dos circuítos regulados do mercado de traballo. Isto lévaos a desenvolver estratexias de supervivencia á marxe do mesmo, como a venda ambulante. Outro factor común adoitan ser as situacións de racismo social e institucional que experimentan e que supoñen a proxección dunha imaxe negativa da inmigración que leva a determinados empleadores a preferir non contratalos.