«Co que gaño aquí manteño a 20 persoas da miña familia en Senegal»

A Coruña CIDADE

Verónica Vázquez Vázquez

Modou Diop leva  máis de dez anos en Galicia e «sobrevive» grazas á venda ambulante

01 novs 2018 . Actualizado ás 16:09 h.

A súa historia, insiste, é como a de tantos dos seus compañeiros. Modou -o seu nome en realidade é outro pero prefire non desvelalo-, leva na Coruña case 15 anos. Desde entón, «sobrevive» grazas á venda ambulante. Vende zapatillas, bolsos, pulseiras ou chisqueiros. Hai días nos que pode facer 12 euros. Outros, nada. 

É pouco aquí, pero moito no seu país. «Co que gaño manteño a 20 persoas da miña familia en Senegal . Poden comer ou comprar un medicamento. É unha vergoña marcharnos e que a nosa muller non poida ir ao médico en Senegal». Modou é da costa. «Alí todos somos mariñeiros», conta. «Todo o que xuntamos enviámolo», recalca. Canto pode ser isto? «Depende », responde . Non ten problemas co castelán e ata se atreve coa retranca galega. «50 ou 60 euros ao mes», concreta.

Van a rúa Real, onde non teñen tempo para distraerse nunha entrevista. Están sempre alerta, en calquera momento pode aparecer a policía. Prefire non contar de onde conseguen o produto. «A maioría cómprano nun chinés. Eles o revenden», explica Guillermo Fernández-Obanza, da oenegué Ecodesarrollo Gaia.

Polas noites tamén van aos locais de copas. «Hai xente boa. Só che compran por axudar», recoñece. Ter un traballo é a meta de todos. «É moi difícil iso. Necesitas ter, mínimo, tres anos seguidos de empadroamento e un contrato de seis meses. Xa sabedes como están as cousas en Galicia. Marchan os galegos fóra... Sáennos cousas temporais, 15 días ou un mes. Así non tes papeis. Moitos levamos aquí máis de dez anos sen poder volver a casa a ver á nosa familia porque non temos papeis. Se nos imos, non podemos volver ou hai que regresar á patera, como se ve a tele, sabes?», pregunta. Tanto tempo sen ver aos seus é «máis que duro, ¡máis que duro!», exclama. Antes de rematar, quere destacar tamén o bo: «En Galicia estamos ben. É tranquilo, seguro e os galegos pórtanse ben connosco».