Raquel Martínez: «Non teñen dificultades só por ser inmigrantes, senón por ser pobres»

Mila Méndez Otero
mila méndez A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

ANGEL MANSO

A decana de Sociología da UDC advirte do risco de que un barrio se converta nun gueto «se a poboación autóctona foxe»

24 oct 2018 . Actualizado ás 19:58 h.

O barrio construíuse coas remesas dos galegos no exterior. Dio Raquel Martínez Buján, decana da facultade de Sociología na UDC e membro do equipo Esomi, un dos proxectos máis importantes de España sobre migracións, e veciña do Agra, da rúa Francisco Añón. «Aínda que nacín xusto ao lado, na Sacra Familia», puntualiza. 

Ambos os distritos «naceron ao unísono», comenta. Son o epicentro da emigración e da inmigración. Dous fenómenos ligados á súa xénese, o primeiro, e á súa evolución e presente o segundo. «Cando se di que A Coruña é unha cidade cosmopolita grazas aos traballadores de Inditex non é do todo correcto. Leva anos séndoo, este barrio é o maior exemplo», defende Martínez Buján. Só hai que escoitar e botar unha ollada á praza das Conchiñas, onde nos cita. «O asentamento dos estranxeiros é desigual na Coruña», expón.

O perfil «non é mesmo no Agra que no centro», indica a socióloga. «Tanto na Sacra Familia -onde se concentraron boa parte das vivendas sociais da cidade- como aquí, o chan é económico para a poboación con menos recursos. Non houbo unha planificación urbana que investise nestes puntos. Os edificios construíronse, na súa maioría, entre os anos 50 e 70. Eran un investimento para os galegos no exterior ou unha opción para os que viñan do rural. Son pisos pequenos, angostos e sen ascensores. A veciñanza envellece e os que poden permitirse pisos máis céntricos e cómodos vanse», explica.

O risco, apunta a docente da UDC, é que «se a poboación autóctona foxe, a inmigrante pode guetizarse. Vese nas aulas, hai colexios onde máis do 50 % dos alumnos son estranxeiros», revela. «A integración é precaria. Non só teñen dificultades por ser inmigrantes, senón por ser pobres», recoñece. «Ademais, nestes barrios concentráronse boa parte dos problemas de vulnerabilidade social, drogodependencia e desemprego nos 80 e 90», engade.

Son a solución ao envellecemento galego, como se defende en moitas ocasións? «É certo que hai unha inxección de poboación nova ao principio, pero dura pouco. As mulleres adáptanse á taxa de fecundidade da súa contorna. En termos demográficos, non chega a compensar o envellecemento», conclúe.