Reivindicación da hamburguesa clásica

Javier Becerra
Javier Becerra CRÓNICAS CORUÑESAS

A CORUÑA CIUDAD

Fachada de la antigua hamburguesería Feypo en la avenida de Arteixo
Fachada da antiga hamburguesería Feypo na avenida de Arteixo EDUARDO PEREZ

27 ene 2017 . Actualizado á 12:00 h.

Houbo un tempo no que na Coruña as hamburguesas tomábanse soas, con queixo ou completas. Nalgúns sitios existía a opción do beicon. Nada máis. Eran eses locais que no letreiro puñan o termo frankfurt. Ademais do ferro correspondente, tiñan a máquina dos cachorros coas salchichas cocidas en recipientes circulares de cristal e os petiscos para cravar os boliños. Quedan poucos. Na zona da rúa Barcelona aínda se ven. E, logo, existen os clásicos de sempre como Feypo (agora reconvertida), Jumbo H-1 (ao lado dos xulgados) ou a Hamburguesería La Torre, apoiadas por unha fiel clientela que as fixeron transcender no tempo.

Fachada de la antigua hamburguesería Feypo en la avenida de Arteixo
Fachada da antiga hamburguesería Feypo na avenida de Arteixo EDUARDO PEREZ

No medio da hostalería hispsterizada que reina actualmente aparecen como físgoas doutro tempo. Pero no seu día, a finais dos setenta e principios dos oitenta, foron o sumun da modernidade. Non había caixas de cartón, pans con sésamo nin, por suposto, carne de boi ou cordeiro. Todo funcionaba a golpe de pano de mesa con bordo vermello ou azul, papel de aluminio e aqueles míticos botes-barrilete Uncle William. Sentar? Para que? Os bocados de carne amortecida con leituga e tomate entraban de pé que dá xenio.

Andaba por aí tamén o Gasthof, por suposto. E, logo, o Sousantos, iconas da comida rápida á coruñesa onde reinaba a hamburguesa. Entón, Mcdonald's ou Burger King era unha mera ilusión televisiva. Tivemos o McBurger, fronte ao Colón. Camareiras con viseira laranxa, patacas que se comían coa man e bandexas de plástico. Uau! Meterse aí era sentirse Marty McFly calzando unhas zapatillas Nike e levando un chaleco-plumífero vermello. Vale. Pero, ao final, tarde ou cedo regresábase á dentada de barrio, seguro e sen estridencias. «A completa, con salsa?», preguntaba Xullo, o dono de Jumbo H-1 tras a barra. Si, nos Mallos non diciamos kétchup. Que se confundía co queixo.

Viría logo, claro, Mcdonald's coas súas hamburguesas de varios pisos e o seu pepinillo. Primeiro en Continente. Máis tarde na rúa Real e Os Rosales, recentemente clausurado. Agora, en versión McAuto. Tamén o Burger King en Riego de Auga. A finais da década pasada, irrompeu o tema gourmet en Monte Alto. No Carnivale, todo un local de culto, xa as chamaban así. No Barlovento, tamén. Agora todo local moderno que se prece ten as súas hamburguesas angus, opcións veganas e as variantes con produtos (e nomes) galegos. Desde a Rianxeira dA Pebida á Jalisia do Tío Xan. Ñam, ñam, ñam.

Pero sempre dá gusto volver á orixe. Comer unha daquelas hamburguesas, deliciosas e sen pretensións. Dentadas que un día foron rompedores e hoxe saben a clásico. Todo o mundo ten unha en mente. E sabe que alí se volve máis pronto que tarde.