O CIM de Coirós detecta unha subida dos casos de violencia machista

Toni Silva COIRÓS / LA VOZ

COIRÓS

Raquel Montero, directora del CIM de Coirós
Raquel Montero, directora do CIM de Coirós atr

Actualmente traballan con 130 usuarias. «Chegan mulleres de moitos municipios, como Oleiros», di a directora Raquel Montero

13 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O cambio de ano é momento de balances. Tamén no Centro de Información á Muller (CIM) de Coirós, onde viron crecer o número de casos de violencia machista así como as demandas de información de todo tipo para a resolución de conflitos de parella. Nestas oficinas dun pequeno municipio de apenas 3.000 veciños coñecen moi ben os problemas derivados da educación machista de boa parte da área metropolitana. «Aquí veñen vítimas de Oleiros », sinala Raquel Montero, directora do CIM de Coirós desde o 2007. Non é estraña a procedencia. Ademais do da Coruña, só hai centros como este en Arteixo e Curtis.

Volvamos ao cambio de ano. Raquel e o seu equipo viron unha tendencia á alza en casos de violencia machista. «Tampouco é que se duplicou pero si creceu un pouco con respecto ao ano anterior», explica. O 80 % das mulleres que cruzan o limiar fano por ter recibido algún tipo de dano da súa parella. Actualmente teñen 130 usuarias, algunhas demasiado novas, mesmo menores. «Cuesta entender que, con toda a información que hai hoxe en día, moitas mozas sexan acosadas polos seus noivos, angústianas cando non están con eles, esíxenlles que lles envíen unha foto de onde están a cada hora, contrólanlles a roupa que se visten...», di Montero, quen, a pesar destes episodios que falan dunha involución na secuela machista, tamén ve que se deron pasos moi positivos, especialmente na educación dos nenos, para ela «a clave máis importante para reducir este grave problema».

A veces unha vítima de Betanzos opta por acudir ao CIM de Curtis e unha de Curtis vir ao de Coirós, buscan o anonimato»

Pero lembra que aínda queda moita loita, porque de pouco serve se eses programas educativos en colexios logo non se acompañan con comportamentos idóneos por parte do proxenitor. «Vemos que moitos nenos están a vivir situacións terribles ás que non deberían nin asomarse», sinala a directora do CIM de Coirós, que viu crecer a demanda do servizo de psicoloxía do seu centro. «Cada vez pídennos máis unha cita coa psicóloga, cando chega un caso en quente temos que mover todas as citas porque é prioritario, pero si, quen máis quen menos necesita falar con ela», analiza Raquel Montero, que traballa man a man co equipo de Viogén da Garda Civil de Betanzos , que remite a todas as vítimas ao CIM. «Ao noso ou a outros, algunhas mulleres prefiren discorrer por este proceso de forma anónima, así ás veces unha vítima de Betanzos opta por acudir ao CIM de Curtis e unha de Curtis vir ao de Coirós», sinala a directora deste centro dependente da Secretaría Xeral de Igualdade, dentro da Consellería Promoción, Emprego e Igualdade. Outra proba do incremento da violencia machista son as altas que rexistraron no servizo Atenpro, unha vía telefónica para atención e protección de vítimas. Actualmente en Coirós hai 20 cubertas con este programa. «Nunca tivemos tantas».

Este CIM dá preferencia ás mulleres empadroadas en Coirós, Oza-Cesuras, Paderne, Aranga e Betanzos, cos que ten un convenio. «Pero atendemos a mulleres de moitos municipios, chegan de Pontedeume, de Bergondo , de Oleiros, é un servizo que tamén funciona por experiencias que se contan unhas mulleres a outras, o boca a boca, pouco ten que ver co que custaba vir aquí cando comezamos, hoxe o propio 016, o teléfono das vítimas de violencia machista, xa che informa ao momento do CIM máis próximo», comenta Raquel quen, ademais dunha psicóloga, conta no seu equipo cunha avogada e unha axente de Igualdade do Concello de Coirós. «Intentamos crear un ambiente de confianza, de acompañamento en todo o proceso, tamén cos menores, que non debemos esquecer como vítimas», sentenza Montero.