0003_202405H13C6995

Agricultura solidaria desde o horto escolar do Otero Valcárcel de Carral

D. Vázquez CARRAL / LA VOZ

CARRAL

Dolores Vázquez

O alumnado intercambiará plantas na feira por alimentos para doar

13 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Vicente Otero Valcárcel de Carral é un colexio que o ano pasado iniciou o proxecto de hortos escolares, o que lles permitiu aos estudantes non só un achegamento á agricultura, senón tamén levar a cabo un proxecto solidario que se plasmará hoxe coa participación duns 25 alumnos, distribuídos en distintas quendas, na feira do municipio. Alí levarán as súas plantas para intercambialas por comida cun fin solidario.

«O ano pasado comenzamos cos de quinto a plantar cousiñas, e fomos dende o inicio, dende a recolección das nosas propias sementes, ver como se reproducían e plantamos unha horta pequeniña», explica o profesor encargado desta actividade, Alberto López Muñiz. Para este curso crearon un equipo de medio ambiente e desde aí coordinan as hortas escolares, incluídas no proxecto de Voz Natura. As clases apuntáronse a traballar de xeito voluntario, pero «o grupo de expertos son os que este ano están en sexto», matiza López Muñiz.

A meteoroloxía non axudou este curso, aínda comezaron a plantar a semana pasada, e atopáronse cun excedente de plantas. Ante esta situación decidiron que sirva para outro propósito dentro da metodoloxía de aprendizaxe por servizo (que mentres se aprende tamén se presta un servizo á comunidade). Por iso irán coas súas plantas hoxe á feira, intercambiaranas por alimentos para o banco de alimentos municipal. En caso de recibir achegas monetarias destinaríanas a Proxecto Cabalo, unha asociación que aposta por introducir exemplares domésticos rehabilitados en contornas naturais.

No cole contan con algúns bancales, que acondicionaron este ano, e tamén traballan unha zona de invernadoiro. Plantaron tomates de oito variedades diferentes, pementos, allo allos porros, cabazas, apio, fresas e cabaciñas... A maioría das sementes son ecolóxicas, as que non o son é porque non as atoparon certificadas, como é o caso do apio ou as sandías, pero aclaran que non usaron fertilizantes.

Dolores Vázquez

Mateo, un destes agricultores escolares, cre que o que mellor se lles dá son os tomates. «Temos boa colleita, e iso que morreron e os volvemos a plantar», explica, comentando que dedican un recreo á semana a coidar a súa plantación. Non toda a colleita están no horto, tamén teñen plantas preto da aula. «Sabela, unha compañeira, e máis eu temos moita ansia en regalas, ímolas mirar todos os días cando chegamos e os venres deixámolas máis molladas para que aguanten a fin de semana», precisa este alumno, que recoñece que todos colaboran co proxecto.

Tamén plantaron flores o ano pasado. Móstranse orgullosos dunha rosa bicolor, pero recoñecen que os girasoles non naceron. O seu profesor explica que tamén teñen un proxecto de reforestación en marcha, pero vai máis lento.