O mellor mural do mundo do 2022 podería estar en Cambre

A. S. R. CAMBRE / LA VOZ

CAMBRE

atr

A plataforma global Street Art Cities elixiu entre os seus cen finalistas dúas obras do último Cromático Mural Fest

03 ene 2023 . Actualizado ás 10:49 h.

Fendetestas, a obra do artista galego Mon Devane, e Enraizado non presente, de Huariu, optan a este recoñecemento que concede a plataforma global Street Art Cities. En total, hai un centenar de obras nomeadas de 30 países de todo o mundo. De España, tan só 29 foron seleccionadas das que cinco son galegas, e dúas delas de Cambre . Os dous murais realizáronse dentro da última edición do Cromático Mural Fest, e están localizados en Sigrás e en Cambre.

Fendetestas, o mural que o ourensán Mon Devane pintou en Sigrás xa fora elixido como o mellor mural do mundo do mes de xullo na plataforma global Street Art Cities. Mon retratou ao actor e cómico Xosé Antonio Touriñán, converténdoo en Fendetestas, o personaxe del Bosque Animado, de Wenceslao Fernández Flórez. «Este ano deu bastantes alegrías este traballo, pero eu gárdolle moito cariño a todos os que fago noutros concellos», sinala Mon Devane. «Touriñán é un amigo que move moita xente e o Concello de Cambre tamén, vai ser unha votación complicada porque este ano hai que descargarse unha aplicación», sinala o artista, que no 2021 foi o sétimo mellor do mundo cun grafiti de Triacastela .

atr

Pola súa banda, a creación de Huariu foi unha das finalistas do premio como mellor obra do mes de agosto. Aínda que finalmente non resultou gañadora, cultivou unha gran popularidade entre a audiencia. O mural apela á infancia. Nel, un neno mira a unha bolboreta que descansa sobre o seu ombro. O autor reclama a necesidade de prestar atención aos pequenos momentos que suceden ao noso ao redor.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, sinala «o enorme orgullo que supón para Cambre contar con este dobre nomeamento». «Xa forman parte do noso particular museo ao aire libre que seguirá sumando novas obras coas vindeiras edicións do Cromático Mural Fest», indicou.

Para votar hai que descargarse a aplicación móbil de Street Art Cities (https://play.google.com/store/apps/details?ide=com.streetartcities.map) e rexistrarse para poder elixir os murais, podendo escoller ata nove das obras que están nomeadas. O proceso de votación estará aberto ata o 31 de xaneiro.