A Plataforma de Infesta eleva as súas demandas ante a Xunta

La Voz BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

Piden que se eliminen os puntos que supoñen un risco para a poboación

01 may 2024 . Actualizado ás 13:29 h.

A Plataforma Veciñal de Infesta, tras lograr esta semana que o pleno de Betanzos secunde a súa petición para lograr maior seguridade viaria na AC-542, pide unha reunión coa delegada territorial da Xunta, Belén Docampo, para exporlle os problemas que teñen na contorna da estrada autonómica AC-542. Especifica que é unha problemática «que se está estendendo dende a rotonda das Cascas, no núcleo urbano de Betanzos, até a parroquia limítrofe de Guiliade, pero que concentra a maior parte de puntos negros no tramo urbano de Infesta».

Sinala que ao incremento do tráfico na zona sumar como risco que hai numerosos cruces de acceso á vía principal, escasos pasos de peóns, falta de beirarrúas en varios tramos e un único paso de peóns con tres marquesiñas de autobús. A plataforma reclama actuacións para lograr unha «maior calidade de vida e seguridade para os residentes dunha zona que é a mais poboada de Betanzos fóra do casco urbano».

«A existencia de dous polígonos industriais aos que se accede dende está estrada autonómica, así como o acceso á autovía e autoestrada e conexión con Santiago de Compostela dende Ferrol e Betanzos fan deste tramo da AC-542 unha vía prioritaria que merece unha actuación acorde a esta situación de perigo diario», sinalan desde esta plataforma veciñal.