O BNG urxe unha solución para o edificio de Correos de Betanzos

D. Vázquez BETANZOS

BETANZOS

Dolores Vázquez

A fachada está acordoada por risco de derrubes tras non acometerse a reforma integral prevista no 2021

24 abr 2024 . Actualizado á 13:41 h.

O edificio de Correos é Betanzos, situado na parte posterior do Liceo municipal, está acordoado. A oficina segue prestando servizo, pero chaman a atención as cintas que restrinxen o paso para garantir que non haxa risco para os transeúntes. O BNG urxe unha solución para o inmoble. Neste sentido, Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, solicitou a reparación e rehabilitación deste inmoble de Correos para garantir a seguridade, a saúde e a integridade tanto do persoal como das persoas usuarias.

Explica que se pechou o acceso ao soportal por risco de derrube e pide que se retome o proxecto de reforma integral que Correos abandonou no 2021. «No 2015, a empresa pública iniciou as xestións para acometer unha reforma integral do local en que segue a prestar neste momento os seus servizos na localidade de Betanzos. En abril dese ano encargou o servizo de asistencia técnica para o estudo estrutural e o proxecto foi entregado en maio. En agosto foi adxudicada a redacción do proxecto básico e de execución, que foi rematado en decembro de 2017, e para o que consegue a licenza de obra en abril de 2018», explica sobre os antecedentes. Sinala que para que non deixar sen servizo á cidadanía, Correos alugou un local na Praza do Emigrante que nunca utilizou. «Así, transcorrido o primeiro ano e estando no segundo ano de contrato de aluguer, Correos decidiu descartar a rehabilitación do inmoble sen que, aparentemente, se tiveran acometido obras de ningún tipo para a mellora do local», sinala o BNG e vincula o acordonamiento do acceso para evitar o risco de desprendementos.

«Isto é a proba do estado de deterioro das dependencias de Correos, un local onde traballan numerosas persoas e polo que circulan a diario todas aquelas que acoden a facer as súas xestións. Mesmo evidencia tamén que a actual situación e a falta de actuacións de mellora pode afectar á seguridade e á integridade persoal das persoas traballadoras e usuarias», remarca Rego. Ante esta situación, o BNG quere coñecer o estado actual do edificio e as medidas que se van a adoptar. «Que actuacións ten previsto acometer Correos para reparar e rehabilitar o edificio garantindo un entorno de traballo seguro e un local sen risco para as persoas usuarias?», inquiere.