Betanzos Capital, un proxecto audiovisual para achegar a historia da cidade

D. Vázquez BETANZOS

BETANZOS

C.B.

O Alfonsetti acolleu a presentación pública desta proposta de divulgación

20 mares 2024 . Actualizado ás 14:26 h.

O cine Alfonsetti acolleu este mércores a presentación pública de Betanzos Capital, un proxecto divulgativo sobre a Cidade dos Cabaleiros que destaca o pasado histórico deste enclave durante o Reino Medieval de Galicia. Foi elaborado por Marma S Coop, que gañou o segundo Certame de Fondos de proxectos culturais Reino de Galicia que promove a Deputación da Coruña. O acto de presentación contou coa presenza da alcaldesa, María Barral, ademais de Anxo Arcay, director do Arquivo de Betanzos e do Museo das Mariñas, quen colaborou e asesorou no traballo xunto cunha nova xeración de historiadores da cidade como Andrea Rivera, José Anxo Paz, Sara Fraga, Antonio González, Elena Carro e América Díaz. Todos, ademais de participar no desenvolvemento dos contidos, protagonizan cada un dos vídeos.

María Barral explicou que Betanzos Capital: os segredos do Betanzos Medieval é un proxecto audiovisual que, a través do formato de vídeo, explica oito secretos ou anécdotas relevantes que axudan a entender o simbolismo do patrimonio, a transformación que sufriu a cidade e os fitos que converteron a Betanzos nunha das capitais do Reino de Galicia ata 1833.

Os vídeos promoven unha ruta histórica para animar ao público a percorrer a cidade. Para iso, coa colaboración do Concello, creáronse trípticos con acceso QR aos contidos audiovisuais e un mapa en que se sitúan os lugares de interese. Como curiosidade destacan que o mapa elixido é unha adaptación creada a partir da pintura de Antonio Vázquez do 1616, onde se recoñece a disposición amurallada da cidade. Aínda que que en Fitur, o pasado xaneiro, o Concello mostrou un dos vídeos debido á temática sobre a Feira Franca, que este ano cumpre a súa 25.° aniversario, será a partir do 20 de marzo cando se publicarán os vídeos a través da canle de YouTube \Betanzoscapital.