As placeras de Betanzos trasládanse ás galerías de Pintor Seijo Rubio mentres duren as obras de rehabilitación do mercado

LA VOZ A CORUÑA / LA VOZ

BETANZOS

Mercado municipal de Betanzos.
Mercado municipal de Betanzos. CÉSAR DELGADO

Os traballos, que se iniciarán a semana que vén, pretenden converter o edificio nun espazo híbrido que axunte a actividade comercial e a hostaleira

07 oct 2023 . Actualizado á 15:05 h.

O Concello de Betanzos iniciará nos próximos días as obras de recuperación do mercado municipal do centro histórico unha vez que os postos de venda de peixaría e carnicería que ata o de agora estaban nas instalacións trasladáronse as galerías comerciais da rúa Pintor Seijo Rubio.

O Concello estudou xunto aos responsables dos postos diversas alternativas para trasladalos mentres duraban as obras de recuperación do mercado e finalmente acordouse reiniciar a actividade de venda en tres postos das galerías que foron alugados polo Concello, que tamén se encargou de adaptalos tanto para a venda de peixe como de carne. A actividade comezará o vindeiro martes.

Mentres, a empresa adxudicataria das obras do mercado foi notificada para que iniciase os traballos previstos, algo que se producirá a próxima semana. Trátase dun dos proxectos incluídos no plan de Axudas de Recuperación, Transformación e Resiliencias do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana cunha achega de 1,4 millóns de euros.

O obxectivo é dispor dun novo concepto de mercado, no que a oferta de produtos agroalimentarios e os postos de peixaría ou de carnicería, mestúrense cunha oferta hostaleira e facer do recinto un edificio de referencia nesa recuperación e impulso do centro histórico.

O proxecto ten como obxectivo crear un novo modelo de mercado municipal que axunte o uso tradicional con outros de carácter gastronómico, de forma que poida atraer un público máis extenso, tanto local como turístico. Porase en valor as características espaciais do inmoble orixinal eliminando a planta engadida e recuperando a claridade espacial. Así, perforacións nos forxados existentes na planta primeira permitirán mellorar a iluminación natural da planta baixa semienterrada. Ademais, crearanse novos postos de venda.

A proposta, segundo o Concello, busca ser un referente na rexeneración dos mercados de abastos tradicionais, propondo un modelo  inclusivo. Entre outras características, o proxecto incorpora sistemas de reciclaxe de auga para rega da plantación interior ornamental; e planta de compostaxe de restos orgánicos. Na cuberta colocaranse paneis fotovoltaicos para a produción de enerxía renovable.

Entre as actuacións previstas restaurarase a fachada orixinal de forma integral, retirando aqueles elementos engadidos que a degradaron; recuperando a distribución espacial orixinal do edificio, desmontando o altillo non orixinal; e recuperando para a señalética do recinto a tipografía orixinal dos letreiros do mercado.