Betanzos reclama a devolución da «Crónica Troyana» a Galicia

D. V.

BETANZOS

Biblioteca Nacional

A corporación apoia organizar actos para celebrar o 650.º aniversario da finalización dunha obra que se considera importante para coñecer o galego escrito no medievo

06 oct 2023 . Actualizado ás 16:34 h.

O pleno de Betanzos , a proposta do BNG, acordou demandar ao Goberno do Estado a devolución á comunidade da Crónica Troyana e instar unha posición similar aos grupos do Parlamento galego. Ademais, por unanimidade acordou celebrar cunha programación cultural para dala a coñecer o 650.º aniversario desta obra, que se considera «un monumento da nosa literatura nacional na Idade Media». Tamén se insta a levar a cabo un monumento conmemorativo na contorna de San Francisco.

«A Crónica Troiana é a día de hoxe é a obra literaria en prosa medieval galega máis extensa que se conserva. O seu tradutor e escribán foi Fernán Martíns, capelán de Fernán Pérez de Andrade, o Bo, que legou así para Galiza, ademais das mellores mostras do gótico galego, a cimeira da literatura medieval en prosa na nosa lingua», explicou a portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez.

Os nacionalistas aseguran que o vínculo da obra con Betanzos «é obvio, xa que a residencia habitual de Fernán Pérez de Andrade era en Betanzos, polo que é probábel que o seu capelán e conselleiro, Fernán Martíns, tamén residise en Betanzos», comentou o seu portavoz.

«O códice da Crónica Troiana ten 185 follas de pergamiño escritas a unha única columna, con letra francesa visiblemente de varias mans, sendo a parte principal da propia man de Fernán Martíns, que como deixa escrito foi o redactor da obra. Foi rematada, como anota o capelán de Andrade, o 20 de xaneiro de 1373. Cúmprense este ano 650 anos do remate desta obra. Actualmente a Crónica Troiana está na Biblioteca Nacional de Madrid», explicou Amelia Sánchez